A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase mañá, xoves, 7 de maio ás 13.00 horas no salón de plenos para desenvolver a súa sesión ordinaria desta semana, que inclúe 27 asuntos na súa orde do día.
Licenzas (7). Resolverá as solicitudes de licenzas de obra para os proxectos de rehabilitación integral dun edificio de vivendas na rúa do Mercado e de adaptación dun baixo para uso residencial na rúa Doutor Peña Rey. Tamén analizará a segregación dun piso no edificio Torre de Ourense (rúa Curros Enríquez) e a declaración de innecesariedade de licenza para segregar parcelas en Alejandro Pedrosa e no Cumial. Finalmente, dará conta da caducidade dunha licenza de obra e dunha solicitude para legalizar a instalación dun silo na rúa Ponte Codesal.
Patrimonio (1). Dará conta da desistencia dunha reclamación de responsabilidade patrimonial.
Contratación (1). Abordará a modificación do contrato de obras de “Acondicionamento e mellora dos espazos urbanos na rúa Alejandro Pedrosa”.
Xestión económica e orzamentaria (3). Aprobará tres liquidacións, relativas aos servizos de centro de día para persoas dependentes (meses de novembro e decembro) e transporte colectivo urbano de viaxeiros (mes de decembro), pola parte a compensar co importe correspondente ao prezo público.
Avogacía consistorial (15). Dará conta de dúas sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e será informada de que o Concello deberá comparecer en 13 procedementos diante dos tribunais de instancia de Ourense.

