A XXXIX Festa do Choco bate récords con máis de 15.000 racións vendidas

Redacción

A carpa pechou as súas portas cun balance histórico, consolidándose como un gran referente gastronómico das Rías Baixas tras superar as 15.000 racións vendidas. Esta edición, definida pola alcaldesa Digna Rivas como unha “fin de semana histórica”, logrou un cheo absoluto na carpa oficial e na hostalaría local, reafirmando o potencial do “ouro negro” como motor económico e sinal de identidade da vila.

A gran calidade do produto e a ampla programación musical fixeron que, malia a chuvia, milleiros de persoas se achegaran a Redondela para vivir os tres días de festa. O carisma de Miguel Ángel Revilla como pregoeiro e a promoción da cita a través do cupón da ONCE converteron esta edición nun éxito total de público e ventas.

A XXXIX Festa do Choco de Redondela pechou as súas portas consolidándose como un referente gastronómico nas Rías Baixas. Cun balance final que supera as 15.000 racións vendidas na carpa oficial, esta edición convértese na máis exitosa ata o de agora, superando as ventas e afluencia de público de anos anteriores. Os restaurantes e panaderías participantes na carpa esgotaron toda a mercadoría ante a gran afluencia de visitantes. Este “cheo absoluto” reafirma a importancia da festa como motor económico e turístico para a vila. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosouse moi satisfeita co balance desta edición, definindo o choco como “o noso ouro negro” e un símbolo “non só gastronómico, senón tamén cultural e de identidade” para Redondela.
A rexedora destacou tamén a gran proxección nacional acadada este ano, grazas á gran calidade do choco redondelán, e tamén á presenza do ex presidente cántabro Miguel Ángel Revilla como pregoeiro, así como a promoción da festa a través do cupón da ONCE do pasado 6 de maio. “Superamos as previsións máis optimistas nunha fin de semana histórica para Redondela”, sinalou a alcaldesa, quen agradeceu o traballo da hostalaría local, da Confraría de Redondela e do persoal do Concello por facelo posible.
A excelente calidade do choco non defraudou, tanto nas tradicionais receitas na súa tinta e con arroz, ata outras máis innovadoras como os tacos de choco con aguacate e ou o cóctel de choco á feira. Non falaron as croquetas de choco, que son un éxito cada ano, así como a clásica empanada de choco de millo ou de trigo, este ano coa novidade da empanada de choco con chocolate. A esta cifra récord de 15.000 racións na carpa habería que sumar o volume de negocio xerado nos establecementos de hostalaría de todo o municipio, que tamén colgaron o cartel de completo. Non faltou a música, con concertos de diferentes estilos. O Grupo América, o Combo Dominicano e Pa Ti Na Má foron un éxito, así como as agrupacións locais Tanto Nos Ten, Airiños de San Simón, Froles Mareliñas, O Carballo das Cen Pólas, Rondalla de Redondela, Orquestra de Saxos e a Banda de Música de Chapela.

Comparte este artigo