O alcalde de Ourense destaca que estas infraestruturas fomentan unha cidade máis sostible, reducen o uso do coche e melloran a saúde dos veciños.
A cidade de Ourense reafirmou hoxe, no Centro Cultural José Angel Valente, a súa posición como pioneira en accesibilidade e deseño urbano durante a ‘Xornada sobre Mobilidade Urbana Vertical’.
Un encontro organizado conxuntamente polo Concello de Ourense e a Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.
A inauguración oficial contou coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Patrimonio e Medio Ambiente, Francisco Lorenzo López; e o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia, Enrique Urcola Fernández-Miranda.
O alcalde puxo en valor o éxito de proxectos emblemáticos como as ramplas da rúa Concordia ou o ascensor de Cruz Alta, infraestruturas que dan servizo a miles de veciños. O rexedor explicou como estas solucións, adaptadas á particular orografía da cidade, non só facilitan o tránsito, senón que promoven hábitos de vida máis saudables: ‘Os elementos de mobilidade vertical fan que a xente camiñe máis, deixando o coche na casa ao atopar facilidades para superar os desniveis’. Así mesmo, o alcalde celebrou o papel fundamental das empresas e enxeñerías galegas na materialización destes ambiciosos proxectos.
Pola súa banda, Francisco Lorenzo López, concelleiro de Urbanismo, destacou o intenso traballo realizado desde 2021. ‘En cinco anos conseguimos converter a Ourense nunha referencia a nivel nacional’, subliñando que hoxe non só se fala de ascensores e ramplas, senón de ‘accesibilidade, de espazo público e de mobilidade sostible’.

