O goberno municipal deseña unha solución de emerxencia para garantir a mobilidade dos veciños fronte á paralización dos traballos do Ministerio de Fomento.
A nova liña directa conectará de forma ininterrompida o barrio das Torres do Pino coa Estación Intermodal durante as mañás de luns a venres.
O Concello de Ourense ordenou a activación inmediata dun dispositivo especial de transporte urbano para dar resposta ao grave problema de incomunicación que sofren os veciños da zona de Torres do Pino, con motivo do corte de tráfico provocado polas deficiencias e atrasos na execución das obras dependentes do Estado, na Estrada de Vigo.
Ante a parálise desta infraestrutura de competencia estatal, o alcalde instruíu á área de Transportes do concello, para implementar unha solución de urxencia que protexa o benestar e a mobilidade dos cidadáns afectados. “Non podemos permitir que a ineficacia doutras administracións deixe illados aos nosos veciños. O Concello actúa con axilidade onde o Estado se paraliza”.
O percorrido de ida do servizo partirá de Torres O Pino (Estrada de Vigo- Piñeiro), realizando un cambio de sentido (Camiño Pista Vía Vella- Tar) para incorporarse á N.120. Continuará pola Rotonda Eulogio Gómez Franqueira e a Rúa Eulogio Gómez Franqueira (C.535) ata alcanzar a Estación Intermodal.
O retorno efectuarase pola Rotonda Avda. dás Caldas, pasando novamente pola Intermodal e a Rúa Eulogio Gómez Franqueira (C-535) cara á N.120, finalizando en Torres O Pino (Estrada Vigo-Piñeiro).
Para asegurar a cobertura durante as franxas de maior demanda, especialmente enfocadas en desprazamentos sanitarios e xestións administrativas, este servizo extraordinario operará nun horario continuo dende as 07:30h ata as 14:30h, de luns a venres.
O goberno municipal reafirma así o seu compromiso de priorizar as solucións efectivas fronte ás deficiencias de xestión da administración central.

