O prazo de preinscrición abre este luns, 18 de maio, ao alumnado de todas as idades, e estará vixente ata o venres, 22 de maio
O Concello xa está a organizar o curso 2026-2027 da Escola Municipal de Música, que arrincará no mes de setembro. E para iso publicaranse na web www.coruna.gal/emm o próximo luns 18 de maio as case 200 prazas dispoñibles para novo alumnado.
“A aposta do Goberno de Inés Rey por mellorar a Escola Municipal de Música é unha aposta pola educación e pola cultura. Milleiros de coruñeses e coruñesas de todas as idades tiveron os seus primeiros contactos musicais neste centro, e é a responsabilidade do Concello asegurarse de que ten os recursos necesarios para seguir formando con todas as garantías e nas mellores condicións posibles”, apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A oferta formativa inclúe especialidades instrumentais e vocais, así como linguaxe musical e Música e Movemento para os nenos de entre 4 e 7 anos. A meirande parte das prazas serán para eles, aínda que a oferta está dirixida para todas e todos, desde os 4 anos ata adultos sen límite de idade.
Desde hai 28 anos a Escola Municipal de Música traballa para que a música chegue a toda a poboación e se converta nunha ferramenta social que una e fomente as relacións interxeneracionais, desenvolvendo o lado artístico tanto individual como colectivo.
A preinscrición, aberta do 18 ao 22 de maio
O calendario correspondente á oferta de prazas dispoñibles na EMM de cara ao vindeiro curso arrincará este luns 18 de maio, coa apertura da preinscrición. Na páxina web atoparanse o enlace e os pasos para realizala. O prazo estará vixente ao longo da semana, ata o venres 22.
O 1 de xuño publicarase a listaxe das persoas admitidas e será entón cando comece o prazo para formalizar matrícula, ata o 6 de xuño.
As persoas interesadas poden consultar máis información na web www.coruna.gal/emm, presencialmente nas instalacións da Escola (Rúa da Torre, 67) ou por teléfono, no 981 226 752.

