A Alcaldesa de Salceda reúnese en Madrid co Secretario de Estado de Xuventude e Infancia

Redacción

O Concello busca financiamento para a construción dunha Casa da Mocidade na antiga Cámara Agraria

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, e a Concelleira de Benestar Social, Selene González, reuníronse onte en Madrid con Rubén Pérez Correa, secretario de Estado do Ministerio de Juventud e Infancia, para trasladarlle as necesidades e proxectos do Concello en materia de xuventude. Os tres participan no VII Congreso de Cidades Amigas da Infancia que organiza UNICEF.

A Alcaldesa trasladoulle ao Secretario de Estado os datos de Salceda, un dos Concellos coa media de idade máis baixa de Galicia, e o Concello con maior porcentaxe de persoas menores de 25 anos en toda a comunidade.  Loli Castiñeira informou tamén a Rubén Pérez sobre os diferentes servizos prestados polo Concello con fondos propios, destacando os servizos de nova creación como o gabinete de psicoloxía, ou os proxectos desenvolvidos por entidades como a Cruz Vermella ou a Fundación Esplay.

A implementación de novos servizos fai que xurda a necesidade de novos espazos, polo que a Alcaldesa lle presentou ao Secretario de Estado o anteproxecto de reforma da antiga Cámara Agraria que o Concello lle adquiriru á Xunta de Galicia no 2017, e que se define como unha Casa da Mocidade que poida acoller estas e outras actividades. Preténdese ademais que sexa un espazo aberto onde a xente nova poida compartir e relacionarse.

Loli Castiñeira agradeceu a boa predisposición de Rubén Pérez, que estudiará as posibilidades de colaboración dende o Ministerio coas iniciativas presentadas na reunión: “seguimos a traballar coas diferentes administracións na procura dos mellores servizos para Salceda. É imprescindible a cooperación institucional e estamos seguras de que tamén nesta ocasión dará bos resultados”.

Comparte este artigo