Redondela achega a figura de Begoña Caamaño aos colexios con contacontos ilustrados e musicados

Redacción

– O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organiza nos colexios do municipio un total de 10 sesións de contos musicados e ilustrados baixo o título “As legras de Begoña”, a cargo do “Colectivo Xurelo”.

– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o formato “visual e dinámico” dos contos con ilustracións e música en directo, o que fai que a actividade sexa “moi atractiva para nenos e nenas”. Hoxe comezaron nos CEIP Outeiro das Penas e Porto Cabeiro, e continuarán nos vindeiros días no resto de centros.

Redondela, 21 de maio de 2026. As actividades programadas polo Concello de Redondela co gallo do Día das Letras Galegas continúan en marcha co obxectivo de dar a coñecer a vida e a obra de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano. Con este propósito, o Servizo de Normalización Lingüística que dirixe a alcaldesa, Digna Rivas, organiza un ciclo de contacontos musicados e ilustrados que percorrerá os centros educativos do municipio.

As sesións corren a cargo de “Colectivo Xurelo”, grupo herdeiro de “Polo Correo do Vento”. O programa arrancou hoxe mesmo coas primeiras citas no CEIP Outeiro das Penas (Cesantes) e no CEP de Porto Cabeiro. A alcaldesa e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, compartiron a xornada co alumnado. En total, levaranse a cabo 10 sesións repartidas polas distintas escolas de Educación Infantil e Primaria do municipio e chegarán a máis de 250 nenos e nenas. As sesións están deseñadas cun formato moi visual e dinámico. “A combinación de narración oral, ilustración en vivo e música en directo fai que a actividade sexa moi atractiva para os nenos e nenas”.

Esta campaña serve como un complemento ideal á programación didáctica realizada previamente nas escolas. Nenos e nenas fixeron co profesorado un traballo de investigación sobre Begoña Caamaño antes da celebración das Legras Galegas, “e demostraron ter moitos coñecementos sobre a autora e tamén sobre o que significa a celebración do 17 de maio”, destacou Rivas. Isto permítelles seguir con moita máis facilidade as funcións de “Colectivo Xurelo”, que achega datos biográficos e literarios logrando así un reforzo lúdico dos seus coñecementos sobre Begoña Caamaño.

Comparte este artigo