Os Concellos das Neves, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas desenvolverán un ano máis o Programa Xuntas tras lograr unha das puntuacións máis altas de Galicia

Redacción

Os Concellos de Salceda de Caselas, as Neves e Salvaterra de Miño volverán desenvolver este ano o Programa Xuntas despois de obter unha das puntuacións máis altas de toda Galicia na convocatoria autonómica destinada a proxectos de igualdade e prevención da violencia de xénero. Esa puntuación permitiu obter o 100% do importe solicitado, que ascende a 19.898,45€.

A iniciativa alcanza xa a súa quinta edición e converteuse nunha das experiencias de colaboración municipal máis consolidadas da comarca en materia de igualdade. O que comezou hai cinco anos como un proxecto compartido entre tres concellos rurais acabou converténdose tamén nunha rede de apoio e acompañamento entre mulleres de distintos pobos e parroquias.

O Programa Xuntas está dirixido especialmente a mulleres en situación de vulnerabilidade e aos seus fillos e fillas, prestando atención a vítimas de violencia de xénero, mulleres migrantes, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de precariedade económica ou con especiais dificultades sociais e laborais.

O obxectivo é ofrecer un espazo de apoio, formación e acompañamento que permita ás participantes afrontar con máis ferramentas e seguridade situacións persoais, familiares ou laborais complexas, reforzando ademais a súa autonomía e benestar emocional.

A edición de 2026 contará con arredor de 70 participantes e desenvolverase entre os meses de maio e setembro. Durante ese tempo poñeranse en marcha obradoiros e actividades centradas na autoestima, a saúde mental, a educación financeira, a saúde sexual, a prevención das violencias machistas, o liderado feminino ou o acceso ao emprego e ás novas tecnoloxías.

O programa manterá ademais un servizo especializado de asesoramento psicolóxico, xurídico e laboral con atención individualizada para as participantes que o necesiten.

Dende os tres concellos destacan que unha das claves do éxito do programa foi precisamente a colaboración entre administracións para achegar recursos e servizos especializados ao rural, facilitando que moitas mulleres poidan acceder a este tipo de apoio sen ter que desprazarse lonxe das súas contornas.

O proxecto inclúe ademais medidas para favorecer a participación de mulleres das parroquias e zonas máis dispersas, incorporando transporte para determinadas actividades e tratando de evitar que as dificultades de mobilidade ou conciliación supoñan unha barreira.

Os gobernos municipais consideran ademais que a elevada puntuación obtida na convocatoria autonómica supón un importante respaldo ao traballo realizado durante os últimos anos e ao compromiso compartido das Neves, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

O Programa Xuntas desenvólvese ao abeiro da convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+ Galicia 2021-2027).

Comparte este artigo