O grupo nacionalista critica o desfile das Forzas Armadas e reclama que os fondos de ‘Defensa’ vaian a pensións, ensino, sanidade e dependencia
O grupo provincial do BNG na Deputación fixo hoxe unha chamada a encher as rúas contra o belicismo e o aumento do gasto militar na manifestación nacional convocada pola plataforma ‘Galiza pola Paz’ este sábado en Vigo (12 horas dende Vía Norte). As nacionalistas critican nomeadamente o desfile das Forzas Armadas que se vai celebrar na cidade olívica e subliñan que os fondos que se destinan á guerra deberían investirse en gasto social: pensións, ensino, sanidade e dependencia.
A deputada Manuela Rodríguez subliña que boa parte da veciñanza non só da comarca viguesa, senón do resto do país, está en contra dos “tambores de guerra” do imperialismo, que non só afectan aos territorios directamente implicados senón que van en contra da calidade de vida xeral de toda a poboación, sobre todo das clases populares traballadoras. Por isto, pide unha mobilización masiva da xente de todas as comarcas da provincia a participar na protesta.
A nacionalista subliña a importancia de defender unha postura antibelicista e apostar por unha paz xusta e duradeira que respecte a soberanía dos pobos, unha orde internacional baseada en normas e regras e un dereito internacional que hoxe está a ser dinamitado polas potencias imperialistas nun contexto de deriva militarista.
O BNG, amais, afea a “grave contradición” do PSOE por manter un discurso formal de ‘Non á guerra’ mentres o Goberno do Estado impulsa o maior aumento do gasto militar da historia recente, superando no ano 2025 o 2% do PIB destinado a Defensa, cun investimento próximo aos 34.000 millóns de euros e unha suba do 45% respecto ao ano anterior. Destaca que ningunha partida de gasto social experimentou unha suba semellante nos últimos anos.
A nacionalista insiste en que a deriva militarista tradúcese nunha desviación masiva de recursos públicos cara ao complexo militar-industrial en detrimento das políticas sociais, agravando os problemas estruturais existentes. No concreto, pon como exemplos que un só avión de combate Eurofighter equivale ao custo de construción de 750 vivendas públicas, dous submarinos S-80 equivalen a case a totalidade do custe do rescate da AP-9, e un helicóptero NH-90 custa o mesmo que catro institutos públicos de educación secundaria.
“O BNG di claramente NON ao gasto militar. Os cartos teñen que destinarse a pensións, ensino, sanidade, dependencia e servizos públicos, non á industria da guerra”, afirma Rodríguez, quen lembra que “a paz non se defende con bombas”.
A deputada nacionalista critica tamén os argumentos do PSOE provincial e local en Vigo defendendo o desfile das Forzas Armadas en Vigo, sinalando os actos militares como unha “honra” e unha oportunidade turística para a cidade. Porén, Rodríguez cualifica de “inexplicable e inasumible que se pretenda presentar como festivo e turístico un enorme operativo militar pensado para branquear e lexitimar socialmente as forzas armadas”.

