O BNG de Ponte Caldelas esixe ao alcalde medidas concretas para limpar as faixas de seguridade contra incendios

Redacción

O voceiro Xosé Manuel Cal advirte de que existe especial perigo nas inmediacións do Centro Sociocultural de Chaín

O BNG de Ponte Caldelas vén de reclamar ao goberno local que actúe “en tempo e forma” para garantir a limpeza das franxas de seguridade contra incendios ao longo do municipio antes do inicio da tempada de alto risco. O voceiro Xosé Manuel Cal pediu no Pleno que as brigadas municipais actúen nas parcelas públicas e que o Concello faga cumprir a normativa e axilice os protocolos para que as persoas propietarias privadas rocen as súas leiras, ou que, de maneira subsidiaria, o faga a propia administración local de ser necesario, co fin de evitar posibles riscos.

A formación nacionalista advirte especialmente da situación de perigo nas inmediacións do Centro Sociocultural de Chaín, onde, pola cara sur do equipamento municipal, existe unha parcela que leva máis dun ano sen rozar malia as reiteradas peticións da veciñanza para que se proceda á súa limpeza, debido ao perigo que suporía que se producise un incendio nesa zona.

O voceiro municipal do Bloque, Xosé Manuel Cal denuncia que “xa no mes de setembro do pasado ano solicitamos a roza e non se fixo absolutamente nada. O Concello nin contestou, e este ano a situación é aínda peor”.

O BNG considera que o Concello debe asumir a súa responsabilidade tanto nos terreos de titularidade municipal como no seguimento das obrigas das persoas propietarias privadas, como é o caso da finca anexa ao centro sociocultural. Así, reclama que as brigadas municipais actúen directamente nas parcelas públicas e que a administración local axilice os protocolos para esixir o cumprimento da normativa nas leiras privadas que incumpren as súas obrigas.
“Non é de recibo que teña que ser a denuncia dun particular a que active un expediente.
Debería ser o Concello quen actuase de oficio, facendo seguimento e intervindo de maneira subsidiaria cando sexa necesario”, subliña o nacionalista.

Desde o Bloque critican que o goberno local se escude nas dificultades de acceso ou no mal estado dalgunhas parcelas sen explicar que outras medidas ou iniciativas pensa impulsar para reforzar a prevención fronte aos incendios. “Non chega con dicir que esperamos que este verán non haxa lumes. Non parece propio dun bo goberno deixar en mans do destino a integridade das nosas aldeas, das vivendas e do territorio que habitamos”, sinala Pepe.

A formación nacionalista alerta ademais das consecuencias que podería ter un incendio na contorna do centro sociocultural de Chaín. “Imaxina que arde e que se producen danos. Xa non queremos falar de que haxa xente alí. Haberá un seguro que se faga cargo, pero mentres se realizan as reparacións habería que deixar de utilizar o local, causando un importante trastorno á comunidade de montes e á comunidade de augas, ademais de ás asociacións culturais que celebran alí actividades ”, advirte.

O BNG de Ponte Caldelas reivindica a responsabilidade directa do Concello na defensa das aldeas e lugares fronte aos incendios forestais e insiste en que a prevención require planificación, seguimento e actuacións concretas antes de que comece a época de maior risco.
“Estamos a piques de rematar o prazo legal para realizar as limpezas obrigatorias e o goberno local non pode seguir mirando para outro lado. É o momento de actuar, porque este verán parece que vai ser moi sensible”, conclúe o Bloque.

Comparte este artigo