González Abelleira reivindica a solvencia económica do anterior goberno e insta a Candia a manter o rigor que permitiu xerar un Concello saneado e con elevada capacidade de investimento

Redacción

A portavoz adxunta socialista destaca que  traballo do seu grupo permitiu xerar no último exercicio un superávit real de 14,5 millóns de euros e un remanente de tesourería de 23,3 millóns que esixe dedicar os proxectos orzamentados.

Abelleira destacou que, en contra do esgrimido polo PP, o 94,6% dos informes emitidos pola Intervención municipal non presentaron ningún reparo e non se rexistrou ningunha anomalía en materia de ingresos.

O Grupo Municipal Socialista pide ao actual executivo que tome como exemplo unha xestión baseada na responsabilidade para evitar que Lugo abandone a senda de progreso acadada nos últimos anos.

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, puxo hoxe en valor a xestión económica desenvolvida polo anterior goberno municipal, unha etapa que permitiu consolidar unhas contas públicas saneadas,ampliar a calidade dos servizos prestados a cidadanía e deixar unha situación financeira sólida que ofrece á cidade amplas marxes para seguir avanzando.

González Abelleira destacou que os datos oficiais da liquidación do exercicio 2025 desmontan calquera intento de cuestionar o rigor da xestión realizada polos socialistas. “Os números falan por si sós. O Concello de Lugo pechou o exercicio cun superávit real de 14,5 millóns de euros e cun remanente de tesourería para gastos xerais de 23,3 millóns. Esa é a mellor demostración de que se gobernou con responsabilidade, planificación e visión de futuro”, sinalou.

A concelleira lembrou ademais que durante o pasado exercicio a Intervención municipal emitiu un total de 1.988 informes, dos que 1.881, o 94,6%, non incluíron ningún reparo. “Estamos ante un nivel de control e de cumprimento extraordinariamente elevado que acredita o bo funcionamento da administración municipal e o rigor coa que se xestionaron os recursos públicos. A porcentaxe de ese 5% corresponde na súa maioría  gastos de subministros e situación sobrevidas ”, afirmou.

“Gobernar é asumir responsabilidades e tomar decisións. O anterior goberno utilizou sempre os instrumentos legais dispoñibles para asegurar que os servizos seguían funcionando, que os traballadores cobraban polo seu labor e que as empresas provedoras recibían os pagos correspondentes”, proseguíu Abelleira.

A portavoz adxunta socialista subliñou tamén que o informe de Intervención correspondente ao exercicio 2025 non detectou ningunha anomalía en materia de ingresos, un dato que evidencia a fortaleza dos procedementos de control económico desenvolvidos polo anterior executivo. “A transparencia, a legalidade e a eficiencia foron sempre os piares da nosa acción de goberno. O resultado é un Concello solvente, con estabilidade financeira e preparado para afrontar novos retos”, asegurou.

Por este motivo, a voceira adxunta fixo un chamamento ao actual goberno municipal para que preserve a senda marcada nos últimos anos e non poña en risco o equilibrio económico acadado. “A señora Candia recibe un Concello cunha situación financeira privilexiada grazas ao traballo realizado durante os mandatos socialistas. O que agardamos agora é que actúe con responsabilidade e que tome como referencia esa xestión eficiente para seguir impulsando o progreso da cidade. Esiximos que este superávit se dedique a avanzar no proxecto de cidade que plasmamamos a través dos orzamentos en vigor aprobados polo goberno socilaista”, manifestou.

A edil advertiu de que Lugo non pode permitirse retrocesos nin experimentos que comprometan a estabilidade económica municipal. “A boa saúde financeira do Concello non é produto da casualidade, senón dunha forma de gobernar baseada no rigor, no control do gasto e na capacidade para compatibilizar investimentos, servizos públicos de calidade e equilibrio orzamentario. Esa é a herdanza que deixamos e esa é a responsabilidade que ten agora o actual executivo”, concluíu.

Finalmente, González Abelleira reafirmou o compromiso do Grupo Municipal Socialista cunha fiscalización rigorosa da acción do goberno local para garantir que Lugo continúe avanzando e que os recursos públicos sigan sendo administrados coa mesma responsabilidade e eficacia que permitiron converter ao Concello nunha institución solvente, fiable e preparada para afrontar os desafíos do futuro.

Comparte este artigo