A Deputación de Ourense incorpórase ao Espazo de Datos da Saúde DATAlife para impulsar a innovación na prevención do deterioro cognitivo

Redacción

A institución provincial é unha das sete entidades beneficiarias en España do programa Kit Espazos de Datos e contribuirá con información anonimizada (sen referencias a identidades) do servizo de Teleasistencia Domiciliaria Avanzada para impulsar modelos de intelixencia artificial orientados á prevención do deterioro cognitivo

A Deputación de Ourense integrarase no Espazo de Datos da Saúde DATAlife, liderado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), tras obter unha subvención da Entidade Pública Empresarial Red.es que financiará o 100 % dos gastos asociados á súa adhesión a esta iniciativa estratéxica.

A concesión desta axuda enmárcase na convocatoria do programa Kit Espazos de Datos, incluída no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. A Deputación de Ourense figura entre as sete únicas entidades beneficiarias desta convocatoria en toda España.

A participación da institución provincial neste proxecto responde á súa aposta pola innovación e pola valorización dos datos como ferramenta para mellorar os servizos públicos e avanzar na toma de decisións baseada en evidencias. A integración en DATAlife permitirá enriquecer os activos de información da Deputación mediante o intercambio seguro de datos, mantendo sempre o control sobre a información compartida e garantindo o cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos.

Como contribución inicial ao espazo de datos, a Deputación incorporará un conxunto de datos estruturados e anonimizados (sen referencias a identidades) procedentes do servizo provincial de Teleasistencia Domiciliaria Avanzada nos concellos da provincia. Estes datos inclúen variables sociodemográficas das persoas usuarias, información sobre intervencións realizadas, seguimento asistencial e incidencias técnicas do servizo.

O obxectivo é que estes datos poidan ser utilizados, en combinación con outras fontes de información presentes no ecosistema DATAlife, para impulsar proxectos de investigación e innovación orientados á mellora da saúde e da atención ás persoas.

Predición temperá do deterioro cognitivo

Un dos casos de uso previstos consiste no desenvolvemento dun modelo avanzado de intelixencia artificial, baseado en técnicas de Machine Learning e Deep Learning, capaz de analizar datos multimodais de persoas usuarias da teleasistencia domiciliaria para identificar factores de risco asociados ao desenvolvemento de enfermidades de deterioro cognitivo, antes da aparición de síntomas clínicos severos.

Esta capacidade de predición temperá podería contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, facilitar unha planificación anticipada dos coidados por parte das familias e persoas coidadoras, e favorecer unha utilización máis eficiente dos recursos sanitarios.

DATAlife fomenta a colaboración interdisciplinar e a xeración de coñecemento compartido para afrontar retos de gran impacto social, como a prevención de enfermidades ou o envellecemento da poboación.

A Deputación de Ourense reforza así o seu compromiso coa transformación dixital, a innovación pública e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar o benestar da cidadanía, especialmente das persoas maiores e dos colectivos máis vulnerables.

Comparte este artigo