Mos acollerá o 6 de xuño a II Kedada Motos Old School Pereiras-Mos

Redacción

O Concello de Mos colaborará o vindeiro sábado 6 de xuño na celebración da II Kedada Motos Old School Pereiras-Mos, unha xornada dedicada ás motos dos anos 80 e 90 que reunirá en Pereiras a afeccionados e propietarios chegados de distintos puntos da provincia.

A presentación oficial do evento contou coa presenza dos concelleiros Leo Costas e Evaristo Ucha, ademais de representantes da organización e das entidades colaboradoras.

A iniciativa está organizada pola Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, en colaboración co Concello de Mos e a Comunidade de Montes de Pereiras.

O programa arrancará ás 10:30 horas coa saída desde o Local Social Os Castros, en Pereiras, para realizar unha ruta por distintos puntos da contorna. A xornada incluirá unha parada no Café Bar Salinas, en Torroña, onde os participantes poderán desfrutar duns petiscos antes do regreso ao punto de partida.

Posteriormente celebrarase unha comida de confraternidade no Local Social Os Castros.

A inscrición ten un custo de 25 euros e inclúe tanto a participación na ruta como a comida. A organización lembra que as prazas son limitadas e que é obrigatoria a preinscrición previa ao pago.

Como peche da xornada, ás 18:00 horas haberá unha actuación musical a cargo de Adolfo FH, cun repertorio centrado nos grandes éxitos das décadas dos 80 e 90, en consonancia co espírito old school do encontro.

Comparte este artigo