O evento celebrarase no Pazo de Mos o próximo 6 de xuño
O Concello de Mos converterase o vindeiro 6 de xuño nun dos grandes escaparates da panadaría artesanal española coa celebración da quinta convocatoria do Premio Estrelas da Panadaría Española 2026, que na súa segunda edición está xa considerada unha das competicións profesionais de maior relevancia e participación do sector a nivel estatal.
O evento terá lugar no Pazo de Mos e reunirá a máis de 35 profesionais da panadaría procedentes de distintos puntos da zona atlántica. Un xurado composto por cinco expertos do sector será o encargado de avaliar as elaboracións presentadas, valorando aspectos como a calidade do produto, a técnica empregada e o proceso artesanal.
Segundo a organización, nas oito convocatorias desta edición participan máis de 300 panadeiros. Os 50 mellores puntuados do conxunto das diferentes fases territoriais recibirán a distinción de Panadeiro Top de España 2026, un recoñecemento que sitúa aos profesionais seleccionados entre a elite estatal do oficio.
A competición estrutúrase en distintas sedes repartidas por todo o territorio nacional, con probas en cidades como Bilbao, Barcelona, Málaga, Madrid, Valencia ou Tenerife. A elección de Mos como sede dunha das fases do certame sitúa ao municipio dentro do principal circuíto competitivo da panadaría artesanal española.
A recepción das pezas —fundamentalmente fogazas e barras— desenvolverase entre as 10:30 e as 12:00 horas no propio Pazo de Mos.
A alcaldesa de Mos destacou a importancia de que o municipio acolla unha cita destas características: “É unha oportunidade para poñer en valor o talento dos profesionais da panadaría e para proxectar o nome de Mos dentro dun evento de referencia estatal”. Ademais, animou aos profesionais locais a participar “nun certame que recoñece a excelencia, o esforzo e a tradición artesanal”.
Os mellores clasificados desta fase accederán á final nacional prevista para o mes de setembro en Bilbao, no marco do Global Bakery Forum.

