González Abelleira esixe a Candia a aprobación inmediata das ordenanzas de ruídos e terrazas que o anterior Goberno deixou listas

Redacción

A portavoz adxunta socialista denuncia que o Executivo local leva case un mes paralizando dúas normas clave para mellorar a convivencia na cidade.

Lembra que ambos textos foron elaborados ao longo de preto dun ano de intenso traballo que implicou a incorporación as achegas do tecido veciñal, asociativo e dos sectores implicados.

“A ineficacia política do Goberno de Candia non pode seguir retrasando ferramentas fundamentais para ordenar a cidade e garantir os dereitos da cidadanía”, afirma.

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, instou hoxe ao Goberno de Candia a aprobar “dunha vez e sen máis demora” a nova Ordenanza Municipal de Ruídos e a Ordenanza de Terrazas, dous documentos que o anterior Executivo deixou completamente preparados tras incorporar as achegas realizadas polo tecido asociativo, veciñal e polos sectores directamente afectados.

González Abelleira cualificou de “inadmisible” que ambas normativas continúen paralizadas case un mes despois do cambio de Goberno, especialmente tendo en conta o intenso traballo técnico e político desenvolvido durante a súa elaboración. “Estamos a falar de dúas ferramentas fundamentais para mellorar a convivencia na cidade e que chegan despois de practicamente un ano de traballo. Non existe ningunha traba que xustifique que aínda non foran aprobadas inicialmente”, sinalou.

A portavoz adxunta lamentou ademais que o ritmo de xestión do Executivo local estea a resultar “aínda máis decepcionante do esperado”. “Cando os textos están rematados, consensuados e listos para iniciar a súa tramitación definitiva, retrasalos unicamente por ineficacia política non ten ningunha escusa. Lugo non pode permitirse perder máis tempo”, afirmou.

En relación coa Ordenanza Municipal de Ruídos, González Abelleira lembrou que se trata dunha normativa moderna e adaptada á realidade actual da cidade, concibida para protexer os dereitos da cidadanía fronte á contaminación acústica e garantir unha convivencia equilibrada entre a actividade económica e o descanso veciñal.

“A contaminación acústica incide negativamente no dereito ao descanso, á intimidade domiciliaria e á convivencia veciñal, xerando conflitos sociais que requiren unha resposta normativa clara e eficaz, adaptada á realidade local”, explicou. Entre as principais novidades do texto figura un réxime sancionador que contempla multas inferiores a 600 euros e de ata 300.000 euros, así como sancións non pecuniarias que van desde o peche temporal de establecementos por infraccións leves ata a clausura de locais ou a revogación das autorizacións durante un máximo de cinco anos nos casos máis graves.

A ordenanza incorpora ademais novas ferramentas para facilitar a súa aplicación efectiva, outorgando aos axentes da Policía Local a capacidade de formular denuncias directas en determinados supostos, sen necesidade de realizar previamente unha comprobación acústica instrumental.

Pola súa parte, a Ordenanza de Terrazas permitirá regular de maneira homoxénea a ocupación do espazo público, contribuíndo a mellorar tanto a imaxe urbana como a convivencia entre a actividade hostaleira e o uso cidadán das rúas e prazas.

O texto establece horarios de funcionamento desde as 08.00 horas ata as 00.00 horas nos días laborables e ata a 01.00 da madrugada nas fins de semana e festivos, con posibilidade de ampliación durante determinadas celebracións. Ademais, fixa un prazo máximo de 30 minutos para a retirada e limpeza das instalacións unha vez finalizada a actividade e prohibe expresamente a utilización de equipos musicais ou a celebración de actuacións nas terrazas.

A normativa contempla tamén diferentes modalidades de licenza —trimestral, semestral e anual— e regula elementos como pérgolas, haimas, toldos e cortaventos, establecendo criterios claros para garantir a accesibilidade e a mobilidade no espazo público. Entre outras limitacións, non poderán instalarse terrazas en beirarrúas de menos de 2,50 metros de ancho e, nas rúas peonís, deberá manterse libre un paso mínimo de tres metros para a circulación de vehículos particulares e de servizos públicos.

Por último, González Abelleira lembrou que a ordenanza incorpora un réxime sancionador proporcionado e progresivo, con multas de ata 750 euros para as infraccións leves, ata 1.500 euros para as graves e ata 3.000 euros para as moi graves. “O traballo está feito. O responsable agora é aprobar estas normas canto antes para que Lugo dispoña de ferramentas modernas, eficaces e consensuadas que permitan seguir avanzando en convivencia, calidade urbana e seguridade xurídica”, concluíu.

Comparte este artigo