O Concello impulsa o Plan de Barrios 2025-27 con novos investimentos por valor de 2,1 millóns en Palavea, Lonzas, Castrillón e o Ensanche

Redacción

A Xunta de Goberno aproba a saída a contratación das obras de construción da nova biblioteca municipal e aula TIC de Palavea

Destinaranse 3,5 millóns ao novo contrato de xestión das oito escolas infantís de titularidade municipal

Este mércores, o Concello deu un novo pulo á primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, un proxecto de transformación urbana concibido como unha folla de ruta a curto, medio e longo prazo para dar resposta ás melloras e necesidades detectadas en cada un dos dez distritos da cidade.

Neste sentido, hoxe aprobáronse investimentos por valor de 2,1 millóns para executar actuacións en Palavea, Lonzas, Castrillón e o Ensanche. Así o notificou esta mañá o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, tras a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que detallou máis polo miúdo as intervencións previstas.

A primeira delas, a construción da biblioteca municipal e aula TIC de Palavea, que se edificará sobre a superficie que actualmente ocupa o antigo mercado municipal do barrio, que será demolido como paso previo á creación do novo equipamento sociocultural. “Imos investir 1,2 millóns de euros para facelo e, desta forma, cumprir cun dos compromisos que asumiu o Goberno de Inés Rey con Palavea”, indicou o concelleiro.

Unha nova pista multideporte no parque Pierre de Coubertin

Ademais, e tamén ao abeiro do Plan de Barrios, hoxe deuse luz verde á saída a concurso das obras de construción da nova pista multideporte que se habilitará no parque Pierre de Coubertin, en Lonzas.

O espazo conta, a día de hoxe, cun parque infantil para os máis pequenos, mais non dispón de equipamentos públicos concibidos para a súa seguinte etapa, a mocidade. Agora, aproveitarase o espazo dispoñible na explanada para crear esta nova instalación ao aire libre, onde se poderá xogar a fútbol sala, balonmán, baloncesto e minibasket, entre diversas disciplinas deportivas. A pista, na que se investirá algo máis de 200.000 euros, terá características semellantes ás xa abertas previamente nos Rosales, A Silva e a Urbanización Breogán. “Non falamos de actuacións illadas, senón. Son actuacións que forman parte dun plan para dotar de espazos deportivos abertos á veciñanza en barrios que carecían deles”, razoou Lage.

Un novo elevador entre a rúa Montes e a travesía do Montiño

Por outra banda, hoxe sairán a contratación as obras para mellorar a accesibilidade na travesía do Montiño, na parte baixa do Castrillón.

A travesía está conectada coa rúa da Merced a través dunhas escaleiras, que permiten salvar a pé o desnivel existente, mais a día de hoxe acceder en cadeira de rodas ou cun carriño de bebé esixe dar un rodeo, polo que o Concello ten previsto instalar un pequeno ascensor que permita salvar o desnivel existente e, ademais, transformar a travesía en plataforma única.

O  investimento previsto é de 333.000 euros. Cando se adxudique o contrato, o prazo de execución dos traballos será de oito meses.

Renovación integral da iluminación na praza de Pontevedra

Tamén hoxe, a Xunta de Goberno aprobou a saída a contratación das melloras de iluminación que se executarán na praza de Pontevedra.

O Concello destinará case 450.000 euros a renovar e remodelar o circuíto de luminarias, modernizándoo tecnoloxicamente para que a iluminación sexa efectiva sobre o conxunto da praza e tamén na súa contorna, o que permitirá reforzar a seguridade peonil en puntos como a beirarrúa próxima ao Manhattan e a área de xogos infantís.

O plan de actuacións tamén contempla a instalación de novos proxectores ao pé da escultura de Eusebio da Guarda, que actualmente carece de iluminación ornamental. E, ademais, renovaranse as luminarias do colexio e o instituto, tanto para modernizalas como para darlle unha uniformidade estética con respecto ao conxunto da rede na praza. Sondaxes na Casa da Sinagoga Seguindo cos investimentos previstos na cidade, a Xunta de Goberno deu luz verde á contratación das escavacións arqueolóxicas previstas na planta baixa da Casa da Sinagoga, na Cidade Vella.
“A Casa da Sinagoga é un ben de titularidade municipal desde o pasado mandato, cando o adquirimos por algo máis de 400.000 euros co obxectivo de traballar na súa posta en valor a nivel patrimonial. Estas escavacións e sondaxes que saen agora a concurso forman parte do plan de acción que temos previsto para rehabilitar, potenciar e visibilizar un enclave que nos permitirá saber máis sobre a evolución no tempo da nosa cidade e do seu corazón histórico: a Cidade Vella”, explicou José Manuel Lage en rolda de prensa.

O investimento previsto é de algo máis de 50.000 euros, cofinanciado grazas ao apoio do Ministerio de Industria e Turismo, que tamén sustenta outras actuacións de mellora na Cidade Vella e na súa contorna. A día de hoxe, xa hai catro actuacións en trámite: a reforma da praza das Bárbaras, a restauración da praza de Azcárraga, a do mausoleo de Moore e a renovación da instalación eléctrica do Castelo de San Antón. Agora, súmase unha quinta, na Casa da Sinagoga.

Novo contrato de xestión das Escolas Infantís Municipais

Noutra orde de asuntos, hoxe aprobouse a licitación do servizo de xestión das escolas infantís municipais. O Concello levará a cabo un investimento de 3,5 millóns de euros o vindeiro curso e o contrato será susceptible de ampliación por outro curso máis.

O contrato inclúe oito lotes diferenciados para cada unha das escolas infantís de titularidade municipal: Agra do Orzán, Castrillón, Palavea, Os Rosales, Novo Mesoiro, Elviña, Luís Seoane e Monte Alto.

“Como xa informamos meses atrás, esta última volverá á actividade en setembro deste ano, abrindo as súas portas totalmente renovada e redondeando, desta forma, o abano de melloras executado no mercado municipal do barrio e tamén na súa contorna”, dixo Lage.

O Concello destina 1,4 millóns ao servizo de comidas a domicilio

Tamén no eido dos coidados e do benestar, hoxe adxudicouse o contrato do servizo municipal de comidas a domicilio, no que levaremos a cabo un investimento de 1,4 millóns ata o ano 2028.
“Este servizo é un piar fundamental nas políticas públicas de asistencia social que promove o Goberno de Inés Rey”, expuxo o edil, que estimou en case medio milleiro o número de coruñesas e coruñeses que están subscritos a este programa municipal, que reparte menús e asesora na elaboración de receitas saudables a persoas dependentes da terceira idade, fomentando o envellecemento activo e promovendo os bos hábitos deste grupo de poboación a través da entrega dunha comida diaria todos os días do ano.

Licenza para a construción de 100 novas vivendas en Visma

No referente aos asuntos de Urbanismo, hoxe aprobouse a concesión dunha nova licenza de construción no polígono de Visma, onde non só avanzan os traballos para urbanizar os seus espazos públicos, senón que tamén se están a axilizar os trámites necesarios para a edificación dos bloques residenciais alí plantexados.
“Nesta quenda, autorizamos a Metrovacesa á construción dun edificio con 100 vivendas, locais e garaxe no sector norte do polígono, non moi lonxe da Terceira Rolda”, dixo Lage.

Sae a concurso o contrato de subministro de Nadal en María Pita

Por outra banda, e xa cunha perspectiva a medio prazo, o Concello avanza nas tarefas de organización das vindeiras festas de Nadal. Hoxe, a Xunta de Goberno deu luz verde á licitación do novo contrato de subministro para ambientar a praza de María Pita entre finais de novembro e mediados de xaneiro do ano que vén.
“Na praza verase un cambio substancial con respecto ao anterior Nadal. Se a proposta do ano pasado baseouse nunha explotación do dominio público, este ano será o Concello o que marque as prioridades e leve a iniciativa, coa contratación dos servizos e atraccións que haxa na praza. Que buscamos con esta medida? Dispor dunha maior seguridade xurídica e tamén ter o control do contrato, para garantir o cumprimento do noso plantexamento e que tanto as familias como as crianzas disfruten ao máximo das festas e con espazos de ocio que teñan en conta, especialmente, aos máis pequenos da casa”, explicou esta mañá o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica.

O contrato que sae a concurso, dividido en tres lotes, suporá un investimento de 380.000 euros e contempla, ademais da instalación dalgúns postos destinados ao comercio e á hostalaría, a disposición da iluminación e ambientación de Nadal na praza, así como unha pérgola e un palco cubertos e unha casiña de Papá Noel.
“O obxectivo é que este Nadal nos leve ao corazón da nosa infancia, aos xoguetes tradicionais. En definitiva, ao Nadal de sempre. Queremos que o Nadal do 2026 sexa un agasallo para as nosas lembranzas”, concluíu Lage.

Comparte este artigo