O presidente provincial, Luis Menor, recibiu hoxe no Pazo Provincial á directiva, xogadores e corpo técnico do equipo ourensán que, esta fin de semana, logrou ascender a Primeira Federación
Na recepción, Menor ratificou o “apoio inquebrantable” desta institución ao club ourensán asegurando que é “apoiar a nosa identidade, é soster o orgullo de miles de ourensáns que ven en vós os valores que nos definen: a lealdade, o esforzo e a dignidade”.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu hoxe no Pazo Provincial á directiva, xogadores e corpo técnico da Unión Deportiva Ourense que vén de lograr un histórico ascenso á Primeira Federación. Na recepción, Menor ratificou o “apoio inquebrantable” desta institución ao club ourensán asegurando que é “apostar pola nosa identidade, é soster o orgullo de miles de ourensáns que ven en vós os valores que nos definen: a lealdade, o esforzo e a dignidade”.
Durante a recepción, o presidente da Deputación manifestou o orgullo que supón este fito para toda a provincia, cualificando o logro como “a proba mesma de que cando Ourense cre en si mesmo, non hai meta que se lle resista”.
Así mesmo, o presidente provincial tivo palabras de agradecemento para os xogadores por “defender con paixón” a provincia; para a directiva e corpo técnico por “un liderado con cabeza e corazón”; e, por suposto, á afección da UDO que demostraron ser “o motor que nunca se apaga”.
Neste senso, comprometeuse a “dar a batalla fóra dos terreos de xogo” para dotar ao club das ferramentas necesarias para seguir medrando, asegurando que o teito da Unión Deportiva Ourense “aínda non está escrito”.
Como lembrou o presidente da Deputación, este ascenso a Primeira é o resultado dunha traxectoria de moito traballo baseada no esforzo, a constancia e a capacidade de superación do equipo. Este fito, que culminou coas xa inesquecibles imaxes de celebración en Cuenca e cunha Praza Maior de Ourense completamente abarrotada de afeccionados entregados, demostra o extraordinario nivel competitivo dun grupo que levou o nome da provincia co orgullo e coa paixón que o caracterizan fóra e dentro do terreo de xogo, subliñou Menor.

