Comezaron as saídas do programa de excursionismo cultural “Ven e Descubre” para persoas maiores de 65 anos. A xornada inaugural correu a cargo da ruta denominada “Terra de astrónomos”, unha iniciativa deseñada para conxugar o coñecemento do territorio coa divulgación da ciencia astronómica e o patrimonio histórico e artístico de Galicia.
Esta primeira experiencia contou coa participación das veciñas e veciños de Perillo quen se converteron en protagonistas activos da xornada. Máis alá de seguir as explicacións establecidas, os asistentes interviron de forma constante ao longo de toda a excursión, aportando os seus propios coñecementos sobre o territorio, a historia e as tradicións. Estas contribucións resultaron de gran importancia, enriquecendo o percorrido cun compoñente de memoria viva e sabedoría compartida que fixo a experiencia moito máis completa.
O itinerario centrouse na figura do astrónomo e matemático Ramón Aller Ulloa, considerado o maior expoñente da disciplina en Galicia e fundador do primeiro observatorio astronómico de Lalín e da Universidade de Santiago de Compostela. A excursión serviu para poñer en valor as súas valiosas achegas científicas ao estudo do firmamento, servindo como guía conceptual ao longo de todo o percorrido.
Un dos fitos centrais do itinerario cultural foi a visita ao Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, unha xoia do románico de transición. Na parada, os guías explicaron a profunda relación que a arquitectura medieval do mosteiro gardaba co ceo e cos astros, reflectindo a mentalidade da sociedade da súa época de construción (séculos XII-XIII).
Cunha grande acollida na súa estrea, o programa “Ven e Descubre” do Concello de Oleiros consolídase como unha proposta cultural única para redescubrir Galicia a través da divulgación histórica, a arte, os monumentos e o valioso intercambio de coñecemento interxeracional.
Nos seguintes meses veciños e veciñas de todas as localidades tamén gozarán desta excursión.

