González Abelleira desmonta el “plan de choque” de Candia para el SAF: “É unha fraude política que pagarán os lucenses para tapar os incumprimentos da Xunta”

Redacción

“Os 900.000 euros non son unha inxección histórica: son a aceptación sumisa dunha débeda competencial que lle corresponde asumir á Xunta de Galicia”

“Máis horas sobre o papel sen máis persoal nin mellores condicións laborais só conduce á precarización das case 200 profesionais do servizo”

“Candia actúa como delegada comercial de Alfonso Rueda e abandona a defensa dos intereses económicos e sociais de Lugo”

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe que o suposto “plan de choque” presentado polo Goberno local para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) constitúe “unha auténtica estafa política e comunicativa” coa que o Partido Popular pretende ocultar os incumprimentos da Xunta de Galicia en materia de dependencia mentres traslada aos lucenses unha factura que non lles corresponde asumir.

Abelleira asegurou que o anuncio realizado por Elena Candia e polo concelleiro Gustavo Díaz responde máis a unha operación de propaganda que a unha solución real dos problemas que afectan ao servizo. “Pretenden poñerse medallas cun incremento de fondos que en realidade serve para consolidar un modelo profundamente inxusto no que o Concello continúa asumindo competencias e gastos que son exclusiva responsabilidade da Xunta de Galicia”, afirmou.

A edil socialista lembrou que a dependencia e o SAF son competencias autonómicas e que, segundo os principios defendidos historicamente polo municipalismo galego, calquera servizo delegado aos concellos debe contar cun financiamento íntegro por parte da administración competente. “O que fai a señora Candia é exactamente o contrario: acepta resignadamente o déficit estrutural que a Xunta impón aos concellos e presenta como un éxito o que non deixa de ser unha esmola insuficiente”, sinalou.

Neste sentido, González Abelleira criticou a “farsa dos 900.000 euros” anunciados polo Goberno local e lembrou que os propios estudos técnicos elaborados pola FEGAMP acreditan que o custo real dunha hora do SAF sitúase por riba dos 20 e 22 euros, tendo en conta a dispersión xeográfica, os complementos laborais e os custos efectivos do servizo. “Celebrar esta actualización económica como unha gran conquista significa validar que Lugo continúe sufragando cos seus propios recursos unha competencia que non lle corresponde”, advertiu.

A portavoz adxunta tamén acusou ao Partido Popular de ocultar deliberadamente os informes e acordos aprobados pola Federación Galega de Municipios e Provincias. “A FEGAMP leva anos defendendo o principio de suficiencia financeira e reclamando que a Xunta financie ao cen por cen os servizos que son da súa competencia. Candia rompe ese consenso histórico do municipalismo galego e convértese en cómplice da asfixia financeira dos concellos”, afirmou.

Abelleira sostivo ademais que o verdadeiro problema das listas de espera non está nos concellos senón na lentitude administrativa da Xunta de Galicia para tramitar os expedientes de dependencia. “Os informes técnicos son claros: o colapso prodúcese porque as valoracións e resolucións autonómicas acumulan atrasos que poden superar amplamente os dezaoito meses. Pretenden responsabilizar aos servizos municipais dun problema que nace na propia Xunta”, explicou.

A edil socialista tamén desmontou o relato económico defendido polo PP lembrando que o Goberno de España incrementou nun 200% as achegas destinadas á dependencia en Galicia desde o ano 2012. Segundo os datos oficiais remitidos ao Congreso dos Deputados, as transferencias pasaron de 77,7 millóns de euros a máis de 241 millóns en 2025. “Os datos destrúen a propaganda do Partido Popular. O Estado cumpre e achega máis recursos que nunca. A pregunta que segue sen resposta é onde están eses cartos e por que non chegan aos concellos nin ás persoas dependentes”, manifestou.

A responsable socialista puxo ademais o foco na situación das traballadoras do servizo, un aspecto que considera completamente ausente do plan anunciado por Candia. “Estamos a falar de preto de 200 profesionais que atenden actualmente a 636 familias lucenses. O Goberno local anuncia máis horas de atención pero non explica quen vai prestar ese servizo, en que condicións laborais nin con que reforzos de persoal”, denunciou.

Segundo González Abelleira, o incremento de horas anunciado polo Executivo local pode traducirse nunha sobrecarga das plantillas se non vai acompañado de melloras laborais e de máis recursos humanos. “Non existe ningunha garantía de reforzo dos cadros de persoal, ningunha obriga específica para mellorar os medios materiais e tampouco se incorporan medidas de control para garantir o correcto cómputo e remuneración dos desprazamentos entre domicilios. É dicir, pretenden resolver un problema administrativo trasladando toda a presión ás traballadoras”, indicou.

A portavoz adxunta alertou igualmente de que a estratexia do PP para reducir artificialmente a lista de espera pode provocar efectos negativos sobre as persoas con maior nivel de dependencia. “Ao priorizar os expedientes de Grao II para presentar unha baixada rápida das listas, existe o risco de deixar nun limbo asistencial ás persoas con Grao III, que teñen recoñecido por lei o acceso a intensidades de ata 94 horas mensuais. Estamos ante unha visión puramente estatística da dependencia que esquece ás persoas máis vulnerables”, afirmou.

Por último, Ana González Abelleira denunciou que Galicia continúa situada á cola do Estado en investimento social por persoa potencialmente dependente, con apenas 1.490 euros de media, moi lonxe doutras comunidades autónomas. Tamén lembrou que a Xunta leva máis dunha década incumprindo a Lei 13/2008 de Servizos Sociais ao non aprobar o Plan Estratéxico de Servizos Sociais de Galicia.

“Estamos ante un plan de propaganda electoral construído sobre medias verdades, financiamento insuficiente e silencio sobre as condicións das traballadoras. Esiximos á señora Candia que abandone a súa submisión política á Xunta, que defenda os intereses de Lugo e que reclame o financiamento íntegro que lle corresponde ao SAF. O que non pode facer é aceptar unha esmola que condena ao Concello a un déficit estrutural permanente mentres desprotexe ás profesionais que sosteñen diariamente un dos servizos públicos máis importantes desta cidade”, concluíu.

Comparte este artigo