O Concello de Ourense honra a memoria e o legado de Alexandre Bóveda no 123 aniversario do seu nacemento

Redacción

O acto contou coa participación de todos os grupos municipais e da Fundación Alexandre Bóveda e incluíu unha ofrenda floral

O Concello de Ourense rendeulle esta mañá homenaxe un ano máis ao político e intelectual ourensán Alexandre Bóveda, no 123 aniversario do seu nacemento, nun acto institucional fronte á súa casa natal, na rúa da Barreira. O acto contou coa participación de representantes de todos os grupos políticos municipais (DO, PP, PSdeG-PSOE e BNG) e da Fundación Alexandre Bóveda.

“Reunímonos un ano máis a carón da súa casa natal para render homenaxe á súa memoria, á súa figura, ao seu legado e aos valores por cuxa defensa foi criminalmente privado da súa vida o 17 de agosto de 1936 no monte da Caeira, perto de Pontevedra”, manifestou na súa intervención a concelleira de Educación e Asuntos Sociais, Tamara Silva.

A edil lembrou as inquedanzas polas que loitou Bóveda, destacando que “foi o principal artífice técnico do Estatuto de Autonomía que o Pobo Galego aceptou no plebiscito de 1936”. Un documento, explicou, que foi precursor do actual estatuto e avogaba por unha Galicia con institucións propias, como unha Facenda Galega, competencias en materia ferroviaria e desenvolvemento industrial. Silva destacou tamén o labor de Bóveda na defensa da oficialidade e a dignidade da lingua galega e o fomento da cultura.

Así mesmo, a concelleira subliñou que Bóveda foi un firme defensor dos valores da democracia, do Estado de Dereito e do sufraxio universal. “A pesares da dor e da tristura que nos causa a lembranza dese asasinato, así como doutros moitos episodios represivos similares que tiveron lugar na mesma época, quédanos o consolo de que a súa morte non foi en balde. A súa morte foi semente que fixo florecer noutros moitos loitadores, e cada vez en máis sectores sociais, a defensa dos valores e dereitos que promoveu, valores e dereitos que en moitos aspectos asumimos e desfrutamos hoxe en día, o que en gran medida lle debemos ó seu traballo e á súa entrega á causa de Galicia”, asegurou.

Pola súa banda, Ernesto Vázquez Rey, manifestou que para a Fundación Alexandre Bóveda “é unha honra e un orgullo participar neste acto”, e destacou o papel “crucial” do homenaxeado no desenvolvemento da actual autonomía de Galicia. “Non só hai que recoñecelo pola súa cruenta morte”, manifestou Vázquez Rey, “senón tamén e, sobre todo, polos anos da súa xuventude”, coa súa participación na Administración pública, como economista na Deputación de Pontevedra ou como fundador da primeira entidade económica de Galicia, que foi a Caixa de Aforros de Pontevedra, xérmolo do que hoxe é Abanca”. Vázquez rematou co desexo de “que todos os anos sigamos aquí reunidos, cada vez sexamos máis, e que siga a implicación das institucións para lembrar unha figura fundamental na historia de Galicia”.

O acto rematou co agradecemento da concelleira pola presenza dos asistentes e coa realización dunha ofrenda floral.

Comparte este artigo