O alcalde inaugurou a “gran reforma deste auténtico pulmón verde da cidade”, que abre ao público desde hoxe de 7.00 a 24.00 h
A intervención devolve ao Posío a súa esencia de xardín e incluíu a plantación dun cento de árbores de 70 especies diferentes
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, inaugurou esta mañá as obras de rehabilitación integral do Xardín do Posío promovidas polo Concello para a posta en valor deste emblemático espazo. O proxecto, cun orzamento de 2,8 millóns de euros, foi executado pola empresa ourensá Prace.
“Hoxe é un gran día para Ourense”, asegurou o rexedor, quen destacou que “todos os ourensáns poden ver o que vai ser un gran parque tras unha gran reforma deste auténtico pulmón verde da cidade”. O Posío abre ao público desde hoxe, de 7 da mañá a 12 da noite. A cafetería, xa rematada, licitarase proximamente co obxectivo de que poida abrir nun prazo de 3 meses.
O concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo subliñou que o Posío “volve recuperar o seu nome como Xardín do Posío”. Lorenzo explicou que esta foi unha intervención complexa que se viu afectada polas condicións meteorolóxicas, especialmente no relativo ao pavimento. A este respecto, precisou que “por moito que se dixese que estabamos enchendo o parque de cemento, hoxe calquera pode comprobar que é xabre, un solo naturalizado e estabilizado”.
O proxecto contou con 3 zonas principais de actuación:
Zona de bosque: Renovouse por completo a área infantil e incrementouse a masa forestal con preto de 90 árbores novas, pasando de 40 a 70 especies diferentes. Só se retiraron os exemplares que estaban secos, enfermos ou que prexudicaban o desenvolvemento de árbores con alto valor medioambiental. Tamén se plantaron 30 arces nos parterres e máis de 400 arbustos e plantas de 34 especies.
Paseo central e patrimonio: Recuperouse o trazado do paseo orixinal repoñendo as árbores que faltaban. Remodelouse a cafetería, revestida de madeira e cun tellado vexetal. Ademais, restauráronse de xeito minucioso os elementos patrimoniais máis representativos do xardín: as escalinatas, a pérgola, as paxareiras e o estanque.
Zona de xardín: Mellorouse o paseo de palmeiras coa plantación de 15 novos exemplares e colocáronse máis de 600 arbustos e plantas de 60 especies. Destaca a creación dunha gran rosaleda con máis de 400 rosais que actualmente xa se encontran en flor, ofrecendo unha imaxe espectacular.
“Foi unha reforma que levou o seu tempo, pero o resultado é plenamente satisfactorio”, concluíu Francisco Lorenzo, quen avanzou que o Concello poñerá á disposición dos veciños e visitantes un completo catálogo que se poderá consultar na web municipal para coñecer polo miúdo todas as especies que habitan neste renovado espazo.

