Comeza unha nova edición dos Trens Turísticos de Galicia, con cinco rutas e 14 saídas na provincia de Ourense

Redacción
PRESENTACIÓN TRENS TURÍSTICOS DE GALICIA O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participa na presentación da tempada 2026 dos Trens Turísticos de Galicia. Tamén participan Xose Manuel Merelles Remy (Director da Axencia de Turismo de Galicia), Manuel Pardo Cid (Delegado da Xunta en Ourense) Gonzalo Pastor (Director de Trenes Turísticos de RENFE) e Emma Gozález Diéguez (Xerenta do INORDE). . Na estación Ourense – Empalme

A institución provincial, a través do Inorde, consolida a súa colaboración con Renfe e Turismo de Galicia “no produto turístico máis exitoso e demandado de toda a provincia”, tal e como remarcou Rosendo Fernández

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa un ano máis na posta en marcha da campaña dos Trens Turísticos de Galicia, unha iniciativa consolidada como referente do turismo ferroviario en España e que volverá situar á provincia como un dos principais destinos desta oferta experiencial.

A estación de tren de Ourense acolleu hoxe a presentación da campaña 2026, na que participaron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o director de Trens Turísticos de Renfe, Gonzalo Pastor Barahona; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

O programa, promovido grazas ao convenio de colaboración entre o Inorde, Turismo de Galicia e Renfe, alcanza este ano a súa décimo terceira edición cun total de 13 rutas e 33 saídas entre os meses de marzo e outubro. A provincia de Ourense mantén un protagonismo destacado dentro da oferta, concentrando cinco das trece rutas e catorce das trinta e tres saídas programadas para toda Galicia.

Rosendo Fernández destacou que os Trens Turísticos constitúen “un dos mellores exemplos da colaboración institucional para crear produtos turísticos de calidade, sostibles e capaces de xerar actividade económica no territorio durante boa parte do ano”.

O presidente do Inorde puxo en valor o peso específico da provincia dentro da campaña, sinalando que catro das cinco rutas ourensás son xestionadas directamente polo organismo dependente da Deputación: Ribeira Sacra-Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra. Ademais, a ruta de Monterrei reforza a súa programación cunha saída máis respecto á pasada edición.

As diferentes propostas permitirán descubrir algúns dos principais recursos patrimoniais, culturais e enogastronómicos da provincia, desde os viños das denominacións de orixe Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra ata espazos singulares como o Mosteiro de San Pedro de Rocas, o Santuario das Ermidas, o Castro de San Cibrao de Las ou o Castelo de Monterrei.

Un dos elementos diferenciais destas rutas é a incorporación de recursos promovidos polo Inorde, como os Museos das Estacións de Tren, o Aula-Museo do Ferrocarril dos Peares ou o Museo do Traxe Tradicional Galego de Santa Cruz de Arrabaldo, ademais de visitas teatralizadas e percorridos en catamarán que enriquecen a experiencia dos visitantes.

Desde a Deputación sublíñase que os Trens Turísticos constitúen unha ferramenta estratéxica para a promoción da provincia, contribuíndo a alongar a tempada turística, atraer visitantes fóra dos períodos de maior afluencia e proxectar a imaxe de Ourense como destino vinculado á natureza, ao patrimonio e ao enoturismo. A elevada demanda volve avalar o éxito da iniciativa, consolidando este programa como un dos produtos turísticos máis demandados de Galicia.

Comparte este artigo