O concelleiro de Igualdade do Concello de Mos, Leo Costas, e a directora do CIM, Alba Bugarín, reuníronse con representantes de FEMUPO, entidade sen ánimo de lucro que traballa pola igualdade e empregabilidade das mulleres na provincia, para analizar a posibilidade de desenvolver en Mos as accións formativas do Plan Corresponsables 2026, unha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade.
O Plan Corresponsables ten como obxectivo promover o emprego cualificado no sector dos coidados infantís, a través dunha formación oficial de 330 horas vinculada a cualificación profesional de Atención a Persoas non dependentes con necesidades de coidados no seu contorno cotiá. O programa estrutúrase en tres módulos: coidados e acompañamento de menores (150 horas); técnicas de animación en tempo libre (120 horas) e primeiros auxilios (60 horas).
A formación, impartida en modalidade semipresencial con apoio de aula virtual, está dirixida prioritariamente a mulleres en situación de desemprego ou con experiencia previa non acreditada, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e profesionalizar o sector dos coidados. A execución desta formación está prevista para comezar en xullo, cunha sesión presencial, e continuar a través da aula virtual ata outubro.
O concelleiro de Igualdade valorou positivamente a iniciativa de facilitar o acceso a este tipo de formación certificada, xa que é “unha oportunidade real para as mulleres do noso Concello que abre as portas no mercado laboral”. “Contar cunha cualificación profesional recoñecida marca unha diferenza real á hora de atopar traballo e dende o Concello queremos impulsar as oportunidades ás veciñas que o precisen”, engade.

