As persoas interesadas poden optar a un total de 50.244 prazas de novo ingreso nalgún dos 122 ciclos que a Xunta de Galicia ofrece no conxunto da Comunidade
O período para solicitar praza nalgún dos 277 ciclos de Formación Profesional que a Xunta de Galicia oferta para o vindeiro curso estará aberto do 15 ao 30 de xuño. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que visitou a 29ª edición do Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2026, xunto coa conselleira do Mar, Marta Villaverde.
Os representantes do Goberno galego achegáronse ao stand da FP galega no recinto feiral de Silleda que, precisamente, ofrece ao público información sobre a oferta formativa, orientación académica, posibles itinerarios, así como as diferentes saídas laborais.
As persoas interesadas en optar a algunha das 50.224 prazas de novo ingreso que se habilitan para o próximo curso poderán realizar as solicitudes durante toda a segunda quincena do mes de xuño. Unha vez pechado esta prazo, comezará o período de adxudicación, que se desenvolverá integramente en xullo, unha novidade incorporada o pasado ano.
Datas de adxudicación e matrícula
A primeira adxudicación de prazas terá lugar o día 10 de xullo, con prazo de matrícula aberto entre o 10 e o 15 do mesmo mes. Coas prazas que queden libres realizarase unha segunda adxudicación o 20 de xullo, con prazo de matrícula entre o 20 e o 23. Finalmente, a terceira adxudicación será o 27 de xullo e a matrícula formalizarase entre o 27 e o 29.
A partir dese momento, e coa finalidade de que o maior número de persoas poidan acceder a esta formación, realizarase un proceso de adxudicación continua para aqueles ciclos nos que queden vacantes por cubrir. Deste xeito, cada centro procederá a chamar ás persoas que se atopen na listaxe de espera por orde para que realicen a inscrición. Tal e como recordou o conselleiro, trátase dunha oferta “ampla e variada”, que chega a todo o territorio, polo que “calquera que o desexe, pode atopar un oco na nosa FP”.
Escaparate do traballo dos centros de FP
Aproveitando a participación de diferentes sectores produtivos en Salimat Abanca 2026, a presenza da FP galega nesta cita serve para crear un espazo de encontro para a posta en común de experiencias e a xeración de oportunidades entre organizacións, pequenos produtores, artesáns, industria e grandes empresas de distribución.
Ao mesmo tempo, a feira serve como escaparate do bo traballo que se realiza nos centros que imparten ensinanzas de FP de Hostalaría e Turismo e de Industrias Alimentarias. De feito, o alumnado dos centros integrados de FP Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume) e de Vilamarín (Vilamarín) e do Instituto Sanxillao (Lugo) desenvolven distintas actividades de demostración de elaboracións e degustación en directo.

