O operativo de Emerxencias controla o vertido de gasóleo en Pereiras tralo accidente dun camión cisterna

Redacción

O Concello de Mos informa de que ás 9:38 horas desta mañá o 112 Galicia comunicou o envorco dun camión no viaduto de Roublín, situado na parroquia de Pereiras, o que motivou a inmediata activación dos protocolos de emerxencia previstos para este tipo de incidencias.

Desde o primeiro momento a alcadesa de Mos, Nidia Arévalo, mobilizou efectivos da Policía Local, servizos de emerxencias,  e Garda Civil así como os recursos municipais necesarios para coordinar a resposta ante o accidente e minimizar os efectos do vertido de gasóleo rexistrado na zona.

O 112 Galicia tamén mobilizou a Policía Local do Porriño, os Bombeiros do Baixo Miño, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil e os distintos servizos de intervención implicados na emerxencia.

Co obxectivo de evitar a propagación do combustible, a empresa Couceiro instalou sistemas de recollida nos puntos de drenaxe do viaduto. Paralelamente, executáronse actuacións de contención no terreo mediante maquinaria especializada, habilitando zonas de recollida para retirar con rapidez o material contaminado.

Así mesmo, axentes do Seprona e responsables ambientais coordinaron a intervención da empresa pública Tragsa, encargada dos traballos especializados de contención e limpeza do vertido na contorna fluvial afectada.

Na actualidade, o vertido atópase controlado e xa non se está producindo saída de gasóleo. Os labores céntranse agora na limpeza da zona e na avaliación do estado do regato da Salgueira, desde o punto do accidente ata a área establecida para o control do vertido.

Tamén se informa dende o Concello de Mos que as traídas de Roublín e Casalmorto, e Campo de Eiró e San Rafael no se viron afectadas polo vertido. Malia todo, recoméndase á veciñanza das zonas de Pereiras e Sanguiñeda situadas na contorna afectada que, de maneira preventiva, non faga uso dos regadíos das fincas ata novo aviso.

Os servizos especializados continúan cos traballos de limpeza, control e avaliación ambiental da zona afectada para garantir a máxima seguridade.

O Concellode Mos agradece a colaboración e comprensión da veciñanza mentres se desenvolven estas actuacións

A alcaldesa de Mos, acompañada polo concelleiro de Emerxencias, Leo Costas, e pola concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, permanece no lugar supervisando o desenvolvemento dos traballos e a coordinación dos distintos efectivos mobilizados.

O Concello de Mos agradece a rápida actuación e a colaboración de todos os organismos e profesionais participantes, cuxa intervención permitiu controlar a situación para tratar de reducir o impacto ambiental derivado do accidente.

Comparte este artigo