Rivas garante a continuidade do Servizo de Axuda no Fogar maila o bloqueo da oposición

Redacción

– A alcaldesa asegura que ningunha persoa usuaria quedará desatendida malia o voto en contra de PP e BNG á prórroga do contrato “que xa estaba prevista nos pregos e avalada polos informes técnicos”. Digna Rivas explica que a actitude da oposición xera unha situación “de gran complexidade administrativa e xurídica para o Concello que podía evitarse se prevalecese o interese xeral sobre o interese partidista”.

– A negativa da oposición obriga á alcaldesa a asumir unha responsabilidade “extraordinaria” para garantir a continuidade dun servizo “esencial”, incluíndo a tramitación de actuacións excepcionais para evitar que as persoas dependentes e as súas familias se vexan prexudicadas. O Concello asegura que blindarán o servizo e os dereitos laborais das traballadoras.

A alcaldesa do Concello de Redondela, Digna Rivas, trasladou hoxe unha mensaxe de absoluta tranquilidade a todas as persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ás súas familias, garantindo con total firmeza a continuidade e calidade da prestación. Esta declaración prodúcese despois de que os grupos da oposición (PP e BNG) uniran os seus votos no último pleno para rexeitar a prórroga do contrato de xestión coa empresa Idades, SL. Rivas explica que a prórroga dun ano “xa estaba prevista nos pregos e avalada polos informes técnicos”.A alcaldesa cualificou a postura adoptada pola oposición como un acto de “profunda irresponsabilidade política” que “antepón o desgaste do Goberno municipal ao benestar e á seguridade das persoas máis vulnerables”. A rexedora lamentou que se utilice un servizo social tan sensible “como unha ferramenta de confrontación partidista”. 

A actitude  da oposición xera unha situación “de enorme complexidade administrativa e xurídica que podía evitarse”, apunta Rivas. Rexeitar a prórroga obriga á alcaldesa a asumir unha responsabilidade extraordinaria para garantir a continuidade deste servizo esencial. “Terei que adoptar medidas que non serían necesarias se prevalecese o interese xeral sobre o interese partidista” o que inclúe tramitar “actuacións excepcionais” para evitar que as persoas dependentes e as súas familias se vexan prexudicadas, explica a alcaldesa. Para Rivas a prioridade seguirá sendo “protexer ás persoas, garantir a estabilidade das traballadoras e asegurar que o SAF se presta con todas as garantías”. Rivas asegura que o fará “dando a cara e asumindo as responsabilidades que outros decidiron eludir.

Defensa do emprego e estabilidade do servizo.  O Goberno de Redondela defende que a prórroga proposta era a opción técnica máis viable e segura para evitar alteracións na rutina diaria dos dependentes e garantir a estabilidade laboral do persoal, maioritariamente  mulleres. A concellería de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, advertiu que o rexeitamento á prórroga obriga legalmente a iniciar unha nova licitación pública. Este proceso técnico non só dilatará os prazos administrativos, senón que implica posibles revisións de prezos ao alza para o Concello, xerando unha incerteza innecesaria tanto para as traballadoras coma para as persoas beneficiarias.

Comparte este artigo