Mos mantén as medidas preventivas e inicia una nova fase de seguimento técnico tralo vertido de gasóleo en Pereiras

Redacción

O Concello de Mos celebrou hoxe unha reunión técnica de coordinación para avaliar a situación xerada polo vertido de gasóleo rexistrado tras o accidente ocorrido á altura do viaduto de Roublín, na parroquia de Pereiras, e definir as actuacións que se desenvolverán nas próximas semanas.

Na xuntanza participaron representantes da Dirección Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, da empresa pública Tragsa, da Garda Civil, da Policía Local de Mos, dos servizos municipais de emerxencias e do Concello de Mos.

Durante a reunión realizouse unha valoración dos traballos executados desde o primeiro momento da emerxencia. Os responsables técnicos coincidiron en destacar que a rápida actuación dos distintos organismos permitiu minimizar a afección ás augas superficiais mediante a instalación de barreiras de contención, mantas absorbentes e outros sistemas de control que continúan activos e sometidos a revisión permanente.

Os labores de limpeza e retirada de material afectado continuarán nos vindeiros días, especialmente nas zonas de máis difícil acceso situadas entre o viaduto e o regato, co obxectivo de eliminar posibles focos residuais de contaminación e evitar afeccións futuras.

Unha vez delimitada a zona de maior afección, iniciouse a toma de mostras en augas superficiais, solos e captacións da contorna. Estes controis permitirán determinar con precisión o alcance do incidente e avaliar a posible evolución da contaminación cara ás augas subterráneas.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil manterá un seguimento continuado da zona mediante analíticas e controis periódicos, iniciando hoxe mesmo a recollida de mostras, mentres que os equipos especializados seguirán renovando os elementos de contención instalados para garantir a protección do regato da Salgueira e do resto da contorna afectada.

No que respecta ás vivendas situadas na área de seguimento máis próxima á zona cero, que abrangue aproximadamente unha ducia de inmobles na contorna do regato, mantense de forma preventiva a recomendación de non consumir auga procedente de pozos particulares nin empregar auga de regadíos ata dispoñer dos resultados das analíticas actualmente en curso.

Os técnicos explicaron durante a reunión que esta medida responde a un criterio de prudencia mentres se avalía o posible alcance da afección e se completa a toma de mostras nas captacións da zona que xa está en curso.

Así mesmo, solicítase á veciñanza que permaneza atenta a posibles indicios de contaminación, como olor a combustible, alteracións no sabor da auga ou a presenza de manchas aceitosas. Seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade, ante calquera destas circunstancias aconséllase non utilizar a auga para consumo humano, preparación de alimentos, hixiene persoal, rego de hortas ou cultivos nin para abeberado de animais.

O Concello de Mos lembra que as persoas propietarias de pozos particulares poden solicitar a correspondente análise da auga a través dos servizos municipais. Ademais, no caso de que algunha vivenda afectada non dispoña dunha fonte alternativa de abastecemento e os informes técnicos así o determinen, o Concello facilitará subministración de auga potable mentres se manteñan as medidas preventivas.

As administracións participantes acordaron continuar traballando de forma coordinada e adaptar as medidas de prevención e control en función dos resultados que vaian achegando as análises e os informes técnicos das próximas semanas.

Comparte este artigo