Soutomaior renova o sistema de acceso ao colector marrón con novas tarxetas electrónicas

Redacción

O Concello e Urbaser retoman a campaña “Ti Tes a Chave”, integrada na campaña de educación ambiental «Conscientes: Medra en Verde»

O Concello de Soutomaior e a empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de residuos, Urbaser, continúan avanzando na mellora da xestión dos residuos no municipio cunha nova fase da implantación do colector marrón.

Co obxectivo de simplificar o acceso á fracción orgánica, substituiranse os actuais dispositivos por novos colectores con apertura mediante tarxeta electrónica. Este sistema, máis sinxelo de utilizar e cun menor custo de mantemento, comezará a implantarse nas rúas do municipio a finais do presente mes de xuño.

As persoas que xa fan uso do colector marrón deberán recoller a súa nova tarxeta de acceso na carpa da campaña de sensibilización “Ti Tes a Chave”, que percorrerá diferentes puntos do concello durante as próximas semanas. Ademais, aquelas familias que aínda non formen parte do servizo e desexen incorporarse á separación e reciclaxe da materia orgánica poderán solicitar tamén a súa tarxeta a través do formulario web habilitado para este fin.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “seguimos dando pasos para facer máis sinxela a participación da veciñanza na reciclaxe e na correcta separación dos residuos. Queremos que cada vez sexa máis doado colaborar e avanzar entre todos cara a un concello máis sostible”.

O rexedor sinalou tamén que “a implicación da cidadanía está a ser fundamental para consolidar o colector marrón e continuar mellorando os datos de reciclaxe no municipio”.

Retómase a campaña informativa a pé de rúa

A veciñanza poderá achegarse á carpa “Ti Tes a Chave” para resolver dúbidas e solicitar a nova tarxeta electrónica de apertura do colector marrón.

As primeiras citas programadas son:

Luns 8 de xuño, de 10:30 a 13:30 horas e de 15:30 a 18:30 horas, na rúa Rosalía de Castro, á altura do monumento á ostra.

Luns 15 de xuño, no mesmo horario e localización.

O Concello irá anunciando novas datas, horarios e localizacións a través das súas canles oficiais e redes sociais.

As familias que non poidan acudir á carpa nos días establecidos terán tamén a posibilidade de recoller a súa nova tarxeta no Punto Verde habilitado por Urbaser nas instalacións da Montesiña, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas.

Información específica para os grandes produtores

Durante as próximas semanas desenvolverase tamén unha campaña informativa porta a porta dirixida aos establecementos e negocios susceptibles de xerar residuos orgánicos. O obxectivo é informar sobre a renovación dos colectores e o novo sistema de apertura mediante tarxeta electrónica.

Nesta acción lembrarase aos negocios a obrigatoriedade da separación da fracción orgánica e entregarase a nova tarxeta de acceso a aqueles establecementos que desexen continuar adheridos ao servizo do colector marrón.

Que residuos se deben depositar no colector marrón?

No colector marrón deben depositarse restos orgánicos como froita e verdura, restos de carne e peixe, cunchas de mariscos e froitos secos, pan, posos de café e bolsas de infusión, papel de cociña usado, restos de plantas ou pequenas podas, así como outros residuos orgánicos biodegradables.

Pola contra, non deben depositarse envases, plásticos, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos nin calquera outro residuo non orgánico.

Con iniciativas como esta, o Concello de Soutomaior continúa avanzando cara a un modelo de xestión dos residuos máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente, reforzando a implicación da veciñanza na separación e reciclaxe dos residuos domésticos.

Comparte este artigo