Redondela acolle a Feira do Libro na alameda con presentacións, teatro, obradoiros e concertos

Redacción

O Concello de Redondela presenta unha nova edición da súa Feira do Libro, que encherá de cultura a Alameda Castelao desde este xoves 11 ata o domingo 14 de xuño. O recinto feiral permanecerá aberto en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, ofrecendo a veciños e visitantes un 10% de desconto en todos os libros. Toda a programación cultural desenvolverase baixo o lema “A porta a universos infinitos” , impulsada pola Federación de Librarías de Galicia co apoio do Concello.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o compromiso do Goberno local coa cultura e o fomento da lectura. Nesta edición, a feira terá un marcado acento municipal grazas á destacada presenza de autores redondeláns, quen serán protagonistas do programa oficial a través de encontros culturais e sinaturas de libros vinculados á historia e identidade da vila.

O Concello quere poñer en valor a participación de creadores e investigadores do propio municipio. Haberá un encontro cultural con Julio Alonso. O autor encabezará un acto o sábado 13 de xuño ás 19:30 horas na Carpa de Actividades. Baixo o título “Do baile da gaita da muiñeira. Da tradición popular á construción dun símbolo colectivo”, Alonso guiará un encontro arredor da evolución da gaita e da muiñeira como piares fundamentais e símbolos da cultura galega acompañado pola gaiteira Rebeca Carrera. Por outra banda, o investigador redondelán Juan Migueles estará o sábado 13 de xuño ás 12:00 horas na caseta da libraría Rosalía e Compañía e asinará exemplares da súa obra “Calendario histórico de Redondela”, un libro imprescindible para repensar e coñecer polo miúdo o pasado e as efemérides do noso municipio.

Na feira participan as librarías Pedreira, Porto, Boulevar Libraría Edicións, A Gata Tola, Cartabón, Rosalía e Compañía, Moliere, Uróboros e La Imprenta. O Concello de Redondela anima a toda a veciñanza a encher a Alameda estes días para festexar as nosas e gozar das actividades culturais e lúdicas. Estes días a carpa acollerá espectáculos infantís, música e poesía con acceso libre.

Xoves, 11 de xuño:

18:00 h: Acto inaugural e pregón a cargo da xornalista redondelá Carolina Sertal.

18:30 h: Teatro familiar coa obra Alicia de Pedras de Cartón.

19:45 h: Poesía de micro aberto Unha backroom propia con Branca Trigo.

Venres, 12 de xuño:

17:30 h: Espectáculo familiar A bibliotecaria estrafalaria con Cris de Caldas.

18:30 h: Obradoiro Guía dos seres fantásticos de Galicia con David Rodríguez Paz .

Sábado, 13 de xuño:

17:30 h: Espectáculo tradicional infantil Os Xogos do Paporrubio.

19:30 h: Encontro con Julio Alonso e a gaiteira Rebeca Carrera.

Domingo, 14 de xuño:

17:30 h: Concerto musical Brinca Vai con Paco Nogueiras.

18:30 h: Obradoiro creativo Isto non é un lobo con Marc Taeger.

Comparte este artigo