Jorge Bustos esixe a Candia que execute de inmediato a expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón e deixe de bloquear a construción do novo centro de saúde

Redacción

O concelleiro socialista denuncia que o anterior Goberno deixou completada toda a tramitación necesaria e que xa non existe ningún impedimento administrativo para culminar a adquisición dos terreos

Bustos acusa á alcaldesa de demorar deliberadamente un trámite estratéxico para o barrio malia contar xa cos remanentes incorporados tras a liquidación do orzamento de 2025

“O noso Goberno cumpriu coa súa parte; agora Candia e a Consellería de Sanidade non poden seguir xogando ao escapismo mentres a veciñanza continúa esperando por unha infraestrutura esencial”

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos instou hoxe ao Goberno local de Elena Candia a culminar sen máis demora a expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón para permitir que a Xunta de Galicia poida iniciar de maneira inmediata a construción do novo centro de saúde comprometido para a zona.

Bustos lembrou que esta actuación constitúe unha das principais demandas históricas da veciñanza do Sagrado Corazón, As Gándaras e Paradai, áreas que precisan reforzar os seus servizos sociosanitarios para dar resposta ao crecemento residencial experimentado nos últimos anos e ás necesidades actuais da poboación.

O edil socialista denunciou que o actual Goberno municipal continúa sen executar unha actuación para a que xa non existe ningún obstáculo administrativo nin económico. “O anterior Goberno municipal deixou realizados todos os trámites necesarios para culminar a expropiación. O expediente quedou preparado e os recursos económicos necesarios xa están dispoñibles tras a incorporación dos remanentes da liquidación do orzamento de 2025. O único que falta é que Candia pulse o botón de executar”, afirmou.

Segundo explicou Bustos, resulta incomprensible que, un mes despois da moción de censura e unha vez desbloqueados os fondos necesarios, o Executivo local continúe sen adoptar unha decisión que depende exclusivamente da súa vontade política. “Non hai informes pendentes, non hai problemas orzamentarios e non hai ningún impedimento técnico. Hai simplemente unha decisión política de atrasar unha actuación fundamental para a cidade”, sinalou.

O concelleiro socialista considera que esta demora está a prexudicar directamente aos veciños e veciñas da zona e tamén ao conxunto do sistema sanitario da cidade. “Cada día que se perde na formalización desta expropiación é un día máis de atraso para o futuro centro de saúde. O Concello ten a obriga de facilitar que a infraestrutura poida comezar a executarse canto antes e non actuar como un freo para os intereses da cidadanía”, advertiu.

Bustos tamén criticou a falta de presión institucional exercida por Elena Candia diante da Xunta de Galicia. “Levamos anos escoitando anuncios e promesas da Consellería de Sanidade, pero a realidade é que os avances efectivos son mínimos. Agora que o anterior Goberno municipal xa cumpriu co traballo que lle correspondía, o que vemos é unha preocupante complicidade entre Candia e a Xunta para seguir adiando unha infraestrutura que os barrios levan demasiado tempo reclamando”, afirmou.

“O noso Goberno cumpriu coa súa parte, actuou con responsabilidade e tomou as decisións necesarias para que a veciñanza non tivese que seguir esperando por unha infraestrutura sanitaria esencial. Fixemos o que nos correspondía facer e deixamos todo preparado para que o proxecto puidese avanzar. O problema é que agora non se está facendo o mesmo desde o actual Goberno municipal”, engadiu.

Para o edil socialista, a situación resulta especialmente grave nun momento no que Lugo necesita reforzar os seus servizos públicos e acompañar o crecemento urbanístico con novas dotacións sanitarias e asistenciais. “O desenvolvemento residencial do Sagrado Corazón e da súa contorna debe ir acompañado de equipamentos públicos suficientes. Non podemos permitir que os barrios sigan medrando mentres as infraestruturas sanitarias continúan acumulando atrasos por falta de vontade política”, indicou.

Finalmente, Jorge Bustos reclamou á alcaldesa que abandone a estratexia de dilación permanente e execute de inmediato a expropiación. “Necesitamos que o centro de saúde do Sagrado Corazón avance e se converta nunha realidade canto antes. A cidadanía xa esperou demasiado. Candia debe deixar de actuar como escudo da Xunta e empezar a defender os intereses de Lugo. Cada día que pasa sen executar este trámite é unha oportunidade perdida para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida dos veciños e veciñas do Sagrado Corazón, As Gándaras e Paradai”, concluíu.

Comparte este artigo