O Consello Municipal de Deportes abrirá este venres as piscinas de Oira con acceso libre e gratuíto

Redacción
  • Funcionarán de 11.00 a 21.00 horas e non requirirán cita previa
  • A piscina exterior do Pavillón dos Remedios tamén iniciará a tempada o venres para aboados ou ticket diario

O Consello Municipal de Deportes (CMD) do Concello de Ourense abrirá ao público este venres, 12 de xuño, as piscinas de Oira para dar comezo á nova tempada de verán. O acceso ao recinto será libre e gratuíto, sen necesidade de realizar reserva nin cita previa.

O período de apertura de Oira estenderase ata o 13 de setembro, de luns a domingo (incluídos os días festivos), en horario continuado desde as 11.00 ata as 21.00 horas, ao tratarse dunhas instalacións indispensables para que a veciñanza poida mitigar as altas temperaturas do verán en Ourense e que, segundo as previsións do CMD, roldarán os 125.000 usos ao longo desta tempada. O espazo contará con persoal de socorrismo e de vixilancia para garantir a orde e a seguridade no uso das instalación.

Desde o CMD lémbrase a importancia de respectar as normas do recinto. Non está permitido usar cadeiras ou hamacas na zona de praia (agás persoas con mobilidade reducida), nin introducir patinetes ou bicicletas, que deberán estacionarse nas zonas habilitadas no exterior. Tamén está prohibido fumar e consumir bebidas alcohólicas. As persoas usuarias deberán atender en todo momento as indicacións do persoal de servizo.

A posta a punto deste ano resultou especialmente complexa e custosa debido aos graves danos materiais provocados polas crecidas do río durante o inverno. Malia todo, a instalación municipal será a primeira da contorna en abrir as súas portas. Instaláronse tamén valados de protección fóra do recinto acuático para evitar as intrusións de animais e asegurar a hixiene da zona de praia. Este espazo exterior será de libre acceso a través das escaleiras ou da porta durante o horario de apertura.

Apertura da piscina exterior dos Remedios

Tamén este venres, 12 de xuño, abrirá ao público a piscina exterior do Pavillón dos Remedios para aboados ou ticket diario. O horario de funcionamento da piscina será de luns a sábado, de 11.00 a 21.00 horas.

Comparte este artigo