A evolución dos traballos derivados do vertido de gasóleo rexistrado tras o accidente dun camión cisterna no viaduto de Pereiras (á altura de Roublín) centra agora os esforzos na recuperación ambiental da zona afectada e na avaliación do impacto sobre os solos.
Tralas reunións técnicas mantidas entre as distintas administracións e organismos implicados, a xestión das actuacións relacionadas cos terreos afectados pasa a estar coordinada pola Xunta de Galicia, a través dos departamentos competentes en materia de calidade ambiental.
No marco das actuacións previstas, a Xunta mobilizará ao xestor autorizado de residuos para proceder á retirada da estela absorbente instalada na zona situada baixo o viaduto, material empregado durante os labores de contención do vertido.
Paralelamente, unha empresa acreditada como Organismo de Control Autorizado (OCA) está a desenvolver catas e estudos sobre os terreos afectados para determinar o alcance da afección ao solo. Os resultados destes traballos permitirán definir con precisión as actuacións necesarias para a recuperación ambiental da zona.
Será esta empresa especializada a encargada de coordinar, xunto co xestor autorizado de residuos, a retirada e tratamento dos materiais contaminados que poidan ser identificados durante os traballos de caracterización do terreo.
A Xunta de Galicia asumirá a execución destas actuacións de emerxencia e restauración ambiental, sen prexuízo das posteriores reclamacións que correspondan á compañía aseguradora responsable do vehículo implicado no accidente.
O Concello de Mos continúa colaborando de maneira permanente cos organismos competentes e mantendo informada á veciñanza sobre a evolución dos traballos e os resultados das analíticas e controis que se están a realizar na zona.
Mentres tanto, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil continúa realizando o seguimento e control do regato da Salgueira e das augas superficiais da contorna, co obxectivo de verificar a evolución da situación e garantir a protección do dominio público hidráulico.
Ata que cheguen os resultados das mostras, mantéñense as medidas preventivas comunicadas nos últimos días. En particular, continúa vixente a recomendación de non consumir auga procedente de pozos particulares próximos ao regato da Salgueira en Pereiras nin empregar auga de regadíos na zona de seguimento delimitada ata que se dispoña dos resultados das analíticas actualmente en curso. Os controis sobre captacións e pozos continuarán nos próximos días co obxectivo de descartar calquera afección ás augas subterráneas e garantir a seguridade das persoas usuarias.

