O Concello de Mos, a Xunta e a Universidade de Vigo visitan as obras do Celta360

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou esta mañá na visita institucional ás obras de Celta360 xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a presidenta do RC Celta, Marian Mouriño; o concelleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, nun percorrido que permitiu comprobar o importante avance dun dos proxectos estratéxicos máis relevantes para o futuro do municipio.

Durante a visita, os asistentes coñeceron de primeira man a evolución dos traballos que se están a executar nun proxecto chamado a converterse nun referente en formación, innovación, investigación e deporte.

Deste xeito, a alcaldesa de Mos destaca a transcendencia desta actuación para o municipio. “Estamos vendo como o Celta360 avanza a bo ritmo e como vai tomando forma un proxecto que suporá un antes e un despois para Mos”, sinalou a rexedora. Nidia Arévalo subliñou ademais o impacto que terá esta iniciativa na proxección exterior da localidade. “Falamos dun proxecto innovador e transformador que situará Mos no mapa mundial e que será observado con interese desde moitos lugares”, sinalou.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou a dimensión estratéxica de Celta360, poñendo en valor a capacidade do proxecto para atraer talento, xerar oportunidades e reforzar a conexión entre o ámbito académico, a innovación e o deporte.

A presidenta do RC Celta, Marian Mouriño, salientou o avance das obras e reafirmou a aposta da entidade por construír un ecosistema de referencia internacional arredor do coñecemento, a formación e a excelencia deportiva, cunha estreita colaboración coas administracións e coa Universidade de Vigo.

Arévalo destacou tamén que o ritmo dos traballos permite visualizar xa os próximos fitos previstos para a súa posta en funcionamento. “O avance das obras xa nos permite visualizar setembro de 2027 como unha data clave, coa apertura da área formativa, das oficinas e dos novos campos de fútbol”, indicou.

Por último, a rexedora reafirmou o compromiso do Concello de Mos para seguir acompañando o desenvolvemento desta iniciativa. “Seguiremos traballando da man do Celta e da Xunta de Galicia para que este proxecto sexa unha realidade canto antes. Queremos que sexa un espazo cheo de actividade, de formación e de oportunidades para a mocidade, e que atraia a persoas de todo o mundo”, concluíu.

Comparte este artigo