A Xunta apoia o concello das Neves con 300.000 euros para adquirir a parcela da futura residencia de maiores

Redacción
  • Fabiola García sinalou a importancia da colaboración entre o Goberno galego e as administracións locais para seguir reforzando os recursos de atención no rural
  • Así mesmo, explicou que o novo centro contará con 70 prazas e suporá a creación duns 40 postos de traballo

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, asinaron hoxe en San Caetano o convenio de colaboración, a través do que a Xunta financiará con 300.000 euros a adquisición da parcela para a futura residencia municipal. Tal e como explicou, será o concello o responsable desta compra e da posterior adxudicación das obras.

Durante o encontro, Fabiola García sinalou a importancia de que a Xunta e as administracións locais traballen da man para seguir reforzando a rede de recursos de atención a maiores, especialmente nas zonas máis rurais. Neste sentido, explicou que o novo centro, que se localizará na parroquia de Tortoreos, contará con 70 prazas residenciais e suporá a creación de 40 postos de traballo, algo que definiu como esencial para seguir asentando poboación.

Compromiso da Xunta coa atención aos maiores

Fabiola García tamén fixo fincapé no compromiso da Xunta coa atención aos maiores e que se traduce nun traballo constante para reforzar todos os recursos e servizos. Proba disto, dixo, é o acordo coa Fegamp para o incremento do prezo do Servizo de Axuda no Fogar  e polo que a achega do Executivo autonómico vai ser de 500 millóns de euros ata o ano 2028.

Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade concretou que este acordo histórico vai supoñer para o concello das Neves un incremento de case 300.000 euros en tres anos por parte da Xunta, que investirá ata 2028 preto dun millón de euros neste servizo de xestión municipal.

A isto hai que sumar, explicou, o Bono Coidado no Fogar, unha prestación económica para todos os dependentes que queren ser atendidos nas súas casas, é que supón unha axuda directa de 5.000 euros ao ano. Así pois, nas Neves xa hai máis de 100 usuarios desta achega, á que a Xunta destina neste concello máis de medio millón de euros.

Comparte este artigo