O vindeiro 16 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas, o centro abrirá as súas portas para desenvolver un mural colectivo baixo o lema “Transformando espazos: familias que deixan pegada”
O Concello de Mos, a través do Servizo de Atención Temperá (SAT), celebrará o próximo 16 de xuño o Día da Atención Temperá cunha actividade aberta ás familias usuarias e á veciñanza, destinada a visibilizar a importancia deste recurso para favorecer o desenvolvemento integral da infancia e o papel fundamental das familias neste proceso.
Baixo o lema “Transformando espazos: familias que deixan pegada”, as persoas participantes colaborarán na creación dun mural colectivo nas instalacións do servizo. A iniciativa pretende deixar unha pegada simbólica do compromiso, esforzo e implicación das familias na construción dunha comunidade máis inclusiva e sensibilizada coa infancia.
O Servizo de Atención Temperá de Mos presta atención desde setembro de 2019 a nenas e nenos de entre 0 e 6 anos con trastornos do desenvolvemento, necesidades transitorias ou permanentes ou situacións de risco biolóxico, psicolóxico e social. Desde a súa posta en marcha, o recurso acompañou xa a 305 menores do municipio, consolidándose como un servizo de referencia para as familias mosenses. Só durante o ano 2025 foron atendidas 120 crianzas.
Un dos datos máis destacados é que o 44 % das crianzas atendidas durante o último ano tiñan menos de dous anos de idade, un indicador que evidencia a importancia da detección precoz e da intervención nos primeiros momentos do desenvolvemento infantil.
O SAT de Mos traballa cun modelo de intervención transdisciplinar, centrado na familia e coordinado cos ámbitos sanitario, educativo e social. O equipo está formado actualmente por unha psicóloga, dúas logopedas e unha fisioterapeuta-psicomotricista, que desenvolven programas individualizados adaptados ás necesidades de cada nena e neno e das súas familias.
A celebración deste día coincide ademais coa mensaxe lanzada este ano polo movemento profesional da Atención Temperá, que reivindica o recoñecemento ás e aos profesionais que acompañan diariamente ás familias e ás crianzas, destacando valores como a escoita, a coordinación, o respecto, a confianza e o coñecemento profundo do desenvolvemento infantil.
Desde o Concello de Mos e o Servizo de Atención Temperá anímase ás familias a sumarse a esta actividade comunitaria, que combinará creatividade, convivencia e sensibilización arredor dun recurso esencial para garantir a igualdade de oportunidades desde os primeiros anos de vida.

