O Concello inaugura mañá o proxecto europeo ‘Life Reseau’, que converte o municipio nun referente en innovación e sustentabilidade no ciclo da auga
A utilización dunha reprodución virtual da rede de sumidoiros permitirá prever problemas antes de que se produzan e o novo tratamento das augas grises incrementará un cuarto o rendemento da EDAR
O Concello de Moaña vai inaugurar mañá venres un proxecto punteiro desenvolvido na súa rede de sumidoiros e na súa depuradora de augas residuais (EDAR), que incorpora tecnoloxías de intelixencia artificial, dixitalización avanzada e novos sistemas de tratamento biolóxico para mellorar a xestión do saneamento municipal. A actuación, impulsada no marco do proxecto europeo ‘Life Reseau’, sitúa Moaña á vangarda da innovación no ciclo urbano da auga e converte o municipio nun exemplo de referencia na transición cara a modelos máis eficientes, resilientes e sustentables.
O proxecto nace para dar resposta a grandes desafíos ambientais e de xestión das infraestruturas hidráulicas da actualidade, como son o cambio climático, o aumento dos episodios de choivas intensas, a presión sobre as redes de saneamento e a necesidade de optimizar os recursos. A alcaldesa Leticia Santos destaca que a iniciativa demostra que tamén desde os concellos é posible liderar procesos de innovación ao máis alto nivel para mellorar os servizos públicos e protexer o medio ambiente.
“Moaña está demostrando que a innovación non é patrimonio exclusivo das grandes cidades. Desde un concello costeiro como o noso somos quen de impulsar proxectos pioneiros en Europa que melloran a calidade de vida da veciñanza e contribúen á protección do noso medio natural”, sinala.
Grazas ao proxecto ‘Life Reseau’, Moaña transformou a súa rede de saneamento grazas á incorporación de máis de 50 sensores, ferramentas de monitorización e sistemas dixitais avanzados capaces de analizar o comportamento da rede en tempo real. Santos explica que a combinación dun modelo informático personalizado (unha especie de ‘reprodución virtual’ ou ‘xemelgo dixital’ da rede moañesa), o análise de datos e a intelixencia artificial permite anticipar problemas antes de que se produzan e facilitar unha xestión máis eficiente, reducindo os impactos ambientais asociados aos alivios da rede e reforzando a capacidade de resposta fronte a fenómenos meteorolóxicos cada vez máis frecuentes e intensos.
A segunda gran innovación do proxecto foi a implantación na EDAR de Moaña da tecnoloxía de biomasa granular aerobia, un sistema de tratamento biolóxico de última xeración que permite integrar nun único reactor os procesos de eliminación de materia orgánica e nutrientes. Esta tecnoloxía permite reducir ata un 75% da superficie necesaria para o tratamento, un aforro enerxético próximo ao 30% e un importante incremento da capacidade da depuradora, que pode chegar incrementar un cuarto o rendemento mantendo -e incluso mellorando- a calidade da auga tratada.
Santos subliña que a iniciativa supón a aplicación na práctica da visión do goberno local de apostar por un modelo de desenvolvemento sustentable vinculado á defensa do territorio. “A nosa costa é unha fonte de riqueza, emprego e identidade colectiva. Todo investimento que contribúa a mellorar a calidade das augas, a reducir os impactos ambientais e a fortalecer actividades estratéxicas como o marisqueo ou a pesca é tamén un investimento de futuro para Moaña.”, afirma.
O acto de inauguración do proxecto ‘Life Reseau’ permitirá coñecer de primeira man os resultados acadados, visitar as instalacións da depuradora e intercambiar experiencias cos distintos axentes implicados na iniciativa. O Concello convidou a participar nesta xornada a representantes institucionais, persoal técnico e especialista do sector, así como membros de colectivos sociais e ambientais, confrarías mariscadoras, persoal investigador das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e integrantes do ITG Centro Tecnolóxico.

