A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de apertura da mostra colectiva de Estudios Abertos. A exposición concíbese como unha actividade complementaria ás xornadas de portas abertas nos estudios, celebradas esta pasada fin de semana, ofrecendo unha visión conxunta e representativa do traballo dos e das artistas participantes. A través de máis de 60 artistas, albergados en 56 estudios, a mostra permite achegarse á diversidade de prácticas artísticas que conforman o panorama creativo da cidade da Coruña.
“Desde o Goberno municipal queremos seguir acompañando os procesos de creación das coruñesas e coruñeses. Queremos que as artistas e os artistas poidan ter espazos para producir, para mostrar, para encontrarse e para dialogar coa cidade”, indicou Inés Rey, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participou no acto o comisario Nilo Casares, ao que a alcaldesa agradeceu o seu traballo nesta mostra, que “Esixe escoita, respecto, criterio e capacidade para ordenar sen reducir, para acompañar sen impoñer, para compoñer unha lectura común sen borrar a singularidade de cada obra nin de cada traxectoria”.
Na exposición están representadas distintas disciplinas, como pintura, escultura, fotografía, ilustración, cerámica e propostas de carácter multidisciplinar, reflectindo a riqueza de linguaxes e enfoques presentes entre os e as creadoras locais. “Coas xornadas desta pasada fin de semana, Estudos Abertos abre unha nova etapa. Máis conectada coa cidade e descentralizada ao longo dela e tamén máis acorde coa madurez dun proxecto que leva anos demostrando a forza do tecido artístico coruñés”, engadiu Rey.
Este proxecto expositivo ten como finalidade reforzar a visibilidade do tecido artístico coruñés, ao tempo que facilita un espazo de encontro entre artistas e cidadanía. Así, complétase a experiencia de Estudos Abertos, ampliando o acceso ás obras e contribuíndo a unha mellor comprensión dos procesos de creación contemporánea desenvoltos na cidade.
O Goberno de Inés Rey reforzou este ano este programa coa ampliación a dúas xornadas de portas abertas, ofrecendo á cidadanía unha maior marxe para visitar os estudios e ás persoas artistas unha maior visibilidade da súa obra e dos seus procesos creativos. Ademais, este 2026 bateuse o récord de estudios participantes con 55.

