Nidia Arévalo entrega aos operarios municipais a “Escoba de Oro 2026” en recoñecemento ao seu traballo diario

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, fixo entrega esta mañá da “Escoba de Oro 2026” aos traballadores e traballadoras dos servizos municipais de limpeza, mantemento e xestión de zonas verdes, nun acto simbólico de agradecemento polo labor que realizan cada día en favor da imaxe, a sustentabilidade e a calidade de vida do municipio.

O galardón, recollido onte en IFEMA (Madrid) polo concelleiro de Servizos Públicos, Baldomero Lorenzo, recoñece a excelencia do modelo de xestión de residuos implantado en Mos e o compromiso do Concello coa mellora continua dos servizos ambientais.

Durante o acto, a rexedora quixo compartir este recoñecemento co persoal municipal, destacando que “este premio leva o nome de Mos, pero ten o rostro de todas as persoas que traballan cada día para manter o noso concello limpo e coidado. A “Escoba de Oro” non estaría hoxe aquí sen o voso traballo diario”.

A alcaldesa agradeceu expresamente o compromiso dos operarios e operarias municipais, sinalando que “sodes un exemplo de compromiso co servizo público e co benestar da nosa veciñanza. Cada rúa limpa, cada parque coidado e cada espazo público en boas condicións leva detrás o voso esforzo e a vosa dedicación”.

Nidia Arévalo tamén quixo poñer en valor o carácter colectivo deste recoñecemento: “Quero darvos as grazas polo voso esforzo silencioso, constante e imprescindible. Este recoñecemento é compartido e pertence a todo o equipo que fai de Mos un referente ambiental”. E fixo tamén extensivo este agradecemento ao concelleiro Baldomero Lorenzo e á concelleira de Medio Ambiente Laura Méndez.

O Concello de Mos continuará reforzando os dispositivos de limpeza viaria, mantemento de zonas verdes e prevención de incendios, cun investimento que rolda os 600.000 euros e que permitirá seguir mellorando a prestación destes servizos esenciais para a veciñanza.

A “Escoba de Oro 2026” converte así a Mos nun referente en materia de xestión ambiental e recoñece o esforzo colectivo dun equipo humano que traballa cada día para construír un municipio máis limpo, máis verde e máis sostible.

Comparte este artigo