A Festa da Rosa arranca en Mos coa Rosiña, o lanzamento do foguete e a actuación da orquestra Assia

Redacción

A programación continúa este sábado co pregón de Touriñán, o nomeamento dos Valedores deste ano, o Concurso de Rosas e da Empanada de Millo e a inauguración da I Feira do Viño Rosado de Galicia

Mos deu onte o pistoletazo de saída oficial á 53ª edición da Festa da Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia, cunha intensa xornada festiva que reuniu centos de persoas na Praza do Concello e que serviu para abrir unha das fins de semana máis importantes do calendario festivo do municipio.

A actividade comezou pola mañá coa celebración de “A Rosiña”, unha iniciativa dirixida ao público escolar que converteu a Praza do Concello nun espazo de convivencia, xogos e diversión para os máis pequenos, consolidándose como unha das citas máis esperadas polos nenos e nenas de Mos.

Participaron nesta cita un total de 232 alumnos de 5º e 6ª de Primaria de distintos centros educativos do Concello e do IES de Mos.

Xa pola noite chegou un dos momentos máis simbólicos da programación coa tradicional tirada do foguete anunciador da Festa da Rosa, acto que marcou oficialmente o inicio das celebracións.

A continuación, a música tomou o protagonismo coa actuación da Orquestra Assia, que congregou a numerosos veciños e visitantes nunha verbena que se prolongou ata ben entrada a madrugada e que encheu Petelos de ambiente festivo.

Sábado

Tras este primeiro gran día, a Festa da Rosa afronta agora as súas xornadas centrais. Este sábado 13 de xuño celebrarase no Pazo de Mos o tradicional Concurso de Rosas e o Concurso da Empanada de Millo, dúas das citas máis emblemáticas dunha festa profundamente ligada á historia e ás tradicións do municipio.

A programación continuará coa misa solemne na Igrexa de Santa Eulalia de Mos e coa posterior ofrenda floral aos Marqueses de Mos.

A continuación, un dos momentos máis agardados desta edición: o pregón oficial da Festa da Rosa, que correrá a cargo do actor e humorista Touriñán. Durante a mesma xornada procederase tamén ao nomeamento dos novos Valedores e Valedoras da Rosa de Mos e á inauguración da I Feira do Viño Rosado de Galicia, unha das grandes novidades deste ano, organizada coa colaboración de AGACAL e coa participación de adegas das denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.

A Asociación de Mulleres Rurais de Mos volverá ser protagonista coa tradicional exaltación da empanada de millo, mentres que a Asociación BaRes Mos organizará unha nova edición da súa xuntanza gastronómica, na que participarán os establecementos hostaleiros do municipio.

O sábado completarase coa programación dos Concertos de Viño e Rosas, que contará coas actuacións de Los Lunes al Sol ás 14:00 horas, Dani Barreiro ás 17:00 horas, Uxía Lambona ás 19:00 horas e Quinkillada ás 21:00 horas.

A actividade continuará o domingo 14 coa segunda xornada da Feira do Viño Rosado de Galicia e da Xuntanza BaRes Mos no Pazo de Mos.

Durante toda a xornada haberá tamén música e animación cos concertos de Os Mangacarballos ás 12:00 horas, Trío Somoza ás 13:30 horas, Peter Punk ás 18:00 horas e La Duendeneta ás 19:00 horas.

Desde o Concello de Mos animan á veciñanza e aos visitantes de toda Galicia a participar nos actos programados e a vivir unha edición histórica da Festa da Rosa, que este ano suma á súa programación a primeira Feira do Viño Rosado de Galicia mantendo intacta a esencia dunha celebración con máis de medio século de historia.

Comparte este artigo