O Concello de Mos recibe Martina Ucha Vargas tras proclamarse campioa de España coa Selección Galega Sub-12 de fútbol sala

Redacción

A alcaldesa de Mos recibiu á deportista Martina Ucha Vargas para recoñecer a súa destacada traxectoria deportiva e, especialmente, o recente título de campioa de España de seleccións autonómicas (CESA) Sub-12 de fútbol sala acadado coa Seleción Galega no campionato celebrado en Madrid.

Durante o acto, a rexedora felicitou a Martina polos éxitos conseguidos a pesar da súa curta idade e destacou o seu esforzo, compromiso e capacidade de superación, converténdose nun exemplo para a mocidade do municipio.

Nacida o 3 de setembro de 2014, Martina iniciou a súa andaina deportiva na U.D. Mos, onde comezou no fútbol sala e desenvolveu posteriormente a súa formación no fútbol base. Ao longo destes anos participou en diferentes Campionatos Galegos de Clubs e consolidouse como unha das promesas do deporte mosense.

Na modalidade de fútbol, formou parte da Selección de Vigo nos Campionatos Galegos de Seleccións Comarcais das tempadas 2023, 2024 e 2025, acadando en todas elas o subcampionato galego. Ademais, participou en numerosas sesións de adestramento da Selección Galega Sub-12 e foi convidada a formar parte de adestramentos e torneos organizados por As Celtas.

No fútbol sala, tras incorporarse ao Campito-Celado FS, participou no play-off de ascenso á Liga Galega e proclamouse campioa de Copa na presente tempada. Coa Selección de Vigo conseguiu tamén dous títulos consecutivos de campioa galega de seleccións comarcais, nas tempadas 2024/25 e 2025/26.

A culminación desta progresión chegou coa súa convocatoria pola Selección Galega Sub-12 de fútbol sala, coa que acadou o Campionato de España de Seleccións Autonómicas, un logro que a sitúa entre as deportistas máis destacadas da súa categoría.

A alcaldesa quixo salientar que “Martina representa á perfección os valores do deporte: traballo, constancia, compañeirismo e ilusión. Para Mos é un orgullo ver como unha deportista da nosa canteira leva o nome do municipio ao máis alto nivel e estamos convencidos de que este é só o comezo dunha traxectoria chea de éxitos”.

Desde o Concello de Mos trasladáronlle a Martina e á súa familia os parabéns por este importante logro, así como o recoñecemento a todas as persoas, clubs e adestradores que forman parte do seu crecemento deportivo.

Comparte este artigo