- Un total de oito adegas das denominacións de orixe Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras participan no evento, inaugurado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen foi nomeada tamén Valedora da festa
- O obxectivo da iniciativa é facer promoción e difusión dun tipo de viño cada vez máis demandado polos consumidores, asociado a perfís máis frescos, lixeiros e versátiles, en liña coas tendencias actuais do mercado vitivinícola
Un total de oito adegas participan esta fin de semana na I Feira do Viño Rosado de Galicia, promovida pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co Concello de Mos, como parte do programa da 53ª Festa da Rosa que se celebra neste municipio. A conselleira María José Gómez foi a encargada de inaugurar esta celebración e foi nomeada Valedora da mesma.
O obxectivo da parte específica da Feira do viño é facer promoción e difusión dos viños rosados elaborados nas distintas denominacións de orixe galegas. Trátase, asemade, de poñer en valor un tipo de viño cada vez máis demandado polos consumidores, asociado a perfís máis frescos, lixeiros e versátiles, en liña coas tendencias actuais do mercado vitivinícola. Neste caso, as adegas participantes pertencen ás denominacións de orixe Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Trátase de Pazo Blanco Núñez, Adega Roandi, Bodegas Alán, Bodega Cividade, Bodega Soutelo, Regina Viarum, Bodegas Ribada e Condado de Sequeiras.
A titular de Medio Rural estivo acompañada neste evento polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Román Rodríguez; e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; así como pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
No acto inaugural, María José Gómez definiu a celebración como unha “boa oportunidade para probar os viños, coñecer o produto e desfrutalo con calma” e sinalou que o evento é moito máis que unha festa, xa que constitúe “vida social, orgullo compartido, turismo e economía que se move”. Así, subliñou o seu impacto na hostalería e no comercio, cunha posta en valor moi importante do produto local.
Por outra banda, a conselleira manifestou tamén a súa satisfacción ao ser nomeada valedora da Festa da Rosa e comprometeuse a seguir traballando para que continúe medrando e consolide o seu actual éxito. Cómpre lembrar, neste sentido, que o evento está declarado Festa de Interese Turístico de Galicia e que constitúe a principal cita institucional, cultural e turística do concello de Mos.

