O futbolista de Priegue compartíu galardón a mellor deportista masculino co seu ex-compañeiro no F.C.Barcelona, Pedro Villar, e co adestrador do Olympic de Lyon e tamén ex-culé Jonatan Giráldez
Nayr Cortegoso, campiona galega sub-23 en salto de lonxitude en pista, recibíu o premio á mellor deportista feminina e, pola súa banda, a atleta Gabriela Bouzada recibirá o de mellor promesa
O Concello de Nigrán celebrou este sábado 13 de xuño desde as 19:00 horas no Auditorio Municipal a súa quinta ‘Gala do Deporte’, na que se premiaron a máis de medio cento de deportistas e entidades de todo o municipio que son referente en diferentes disciplinas. O evento volveu este ano a centrar a súa mirada en dous nigraneses formados primeiramente na E.D.Val Miñor-Nigrán e despois no Futbol Club Barcelona. Así, ‘Os Pedros’, que desde 2022 e ata inicios de 2025 conviviron na residencia da Masía, repetiron o galardón compartido de mellor deportistas masculino, pero neste caso ‘Dro’ (Pedro Fernández) o fixo como campión de Europa tras gañar a Champions co Paris Saint Germain, clube ao que se trasladou en xaneiro, e, pola súa banda, Pedro Villar o fixo como un dos xogadores máis destacados do Barça Xuvenil e Barça Athletic, e como un dos firmes candidatos da canteira culé a subir ao primeiro equipo. A eles uníuse no podio Jonatan Giráldez, quen foi adestrador do Barça feminino con innumerables triunfos e actualmente é adestrador do Olympyqye de Lyon feminino. Non foi este o único premio a futbolistas de primeiro nivel, porque curiosamente, no ADN do porteiro internacional do Mallorca Leo Román hai sangue de Nigrán, xa que o seu pai emigrou sendo mozo ao arquipélago balear.
Pola súa banda, a atleta do Celta Nayr Cortegoso, campiona galega sub-23 en salto de lonxitude en pista e subcampiona en 60 metros lisos na mesma categoría, recibíu o premio á mellor deportista feminina. Cortegoso encadea desde os 14 anos un palmarés brillante, sendo sempre primeiro ou segunda na súa categoría. Outra atleta, Gabriela Bouzada, levou o premio á mellor promesa tras acadar o ouro no campionato de España sub-16 de Lanzamento de xabalina.
“Dro é xa unha estrela no mundo do fútbol, pero a maioría dos premiados practican disciplinas moi pouco recoñecidas, ademais de existir unha clara fenda de xénero cando se trata de mulleres”, explica o alcalde, Juan González, quen se amosa moi orgulloso dos clubes e entidades do municipio, “verdadeiros promotores dun estilo de vida na que priman sempre valores tan importantes como a amizade, a superación, o esforzo, a disciplina…”. Así, na gala rendeuse homenaxe a deportistas de disciplinas como baloncesto, xadrez, bolos celta, surf, equitación, petanca, ciclismo, patinaxe, ximnasia rítmica e acrobática… Todos eles clubes con sede en Nigrán.

