O concelleiro responsable de Movementos Migratorios no grupo municipal lembra que a medida foi impulsada durante o anterior mandato para visibilizar ás comunidades migrantes e reforzar a súa vinculación coa cidade
Sinesterra considera incomprensible que o Goberno local eliminase unha iniciativa sen custo económico e amplamente valorada polas asociacións de persoas migrantes
“A diversidade non pode depender da cor política de quen goberna; debe formar parte da identidade institucional dunha cidade aberta, moderna e inclusiva”
O concelleiro do Grupo Municipal Socialista responsable da área de Movementos Migratorios, Waldir Sinesterra, solicitou hoxe ao Goberno de Elena Candia que recupere de maneira inmediata a iniciativa impulsada durante o anterior mandato consistente en colocar no balcón da Casa Consistorial a bandeira dos países que celebran a súa festa nacional e que contan cunha comunidade migrante residente en Lugo.
- O concelleiro responsable de Movementos Migratorios no grupo municipal lembra que a medida foi impulsada durante o anterior mandato para visibilizar ás comunidades migrantes e reforzar a súa vinculación coa cidade
- Sinesterra considera incomprensible que o Goberno local eliminase unha iniciativa sen custo económico e amplamente valorada polas asociacións de persoas migrantes
- “A diversidade non pode depender da cor política de quen goberna; debe formar parte da identidade institucional dunha cidade aberta, moderna e inclusiva”
Sinesterra lembrou que esta medida foi posta en marcha pola Concellería de Movementos Migratorios como unha acción simbólica de recoñecemento institucional ás persoas procedentes doutros países que viven, traballan e desenvolven os seus proxectos vitais na cidade. “Falamos dun xesto sinxelo, de custo practicamente nulo, pero cun enorme valor humano, social e integrador”, afirmou.
O edil socialista destacou que Lugo é hoxe unha cidade plural, diversa e aberta ao mundo, na que conviven persoas de múltiples nacionalidades que contribúen diariamente ao desenvolvemento económico, cultural e social do municipio. “As comunidades migrantes forman parte da realidade e do presente de Lugo. Son veciños e veciñas que traballan, emprenden, estudan, crean familias e participan activamente na vida da cidade. Merecen sentirse recoñecidos tamén desde as institucións”, sinalou.
Durante o anterior mandato, cada vez que un país con presenza de residentes en Lugo celebraba a súa festa nacional, a súa bandeira era exhibida no balcón do Concello como mostra de respecto e recoñecemento institucional. Segundo lembrou Sinesterra, a iniciativa foi moi ben recibida polas asociacións migrantes e converteuse nun símbolo de convivencia e integración.
“Non estamos falando de ideoloxía. Estamos falando de respecto, de convivencia e de sentido común. Un Concello que presume de ser unha cidade acolledora non pode dar pasos atrás precisamente nas políticas que simbolizan esa apertura e ese recoñecemento”, indicou.
O responsable socialista de Movementos Migratorios lamentou que, tras a moción de censura, esta práctica desaparecese sen explicación algunha por parte do novo Goberno municipal. “Resulta difícil entender que unha iniciativa que funcionaba, que non xeraba ningún custo relevante e que era apreciada polas comunidades migrantes deixase de realizarse dun día para outro. Parece que para o Partido Popular hai xestos que só son importantes cando non teñen que gobernar”, afirmou.
Sinesterra advertiu de que a integración non se constrúe unicamente mediante grandes programas ou investimentos económicos. “Tamén se constrúe a través dos símbolos, do respecto institucional e da capacidade de facer que cada persoa se sinta parte da cidade. Ás veces unha bandeira nun balcón di moito máis sobre os valores dun Concello que moitos discursos”.
O concelleiro socialista considera que a continuidade desta iniciativa debería consolidarse como unha política estable do Concello de Lugo, independentemente do Goberno que ocupe a Alcaldía. “As persoas migrantes non cambian cada catro anos. Seguen vivindo aquí, traballando aquí e construíndo futuro aquí. Por iso o seu recoñecemento tampouco debería depender dos cambios políticos”, sostivo.
Finalmente, Waldir Sinesterra instou a Elena Candia a rectificar e recuperar unha iniciativa que contribuía a fortalecer a cohesión social e a proxectar unha imaxe moderna e inclusiva da cidade. “Lugo sempre foi unha cidade acolledora. O que lle pedimos ao Goberno municipal é que tamén o siga sendo desde o balcón da Casa do Concello. Porque a diversidade non é un problema que tolerar, senón unha riqueza que celebrar”, concluíu.

