O exconcelleiro de Deportes lembra que o programa quedou completamente definido e cunha reserva orzamentaria de 30.000 euros aprobada polo anterior Goberno municipal
A iniciativa prevía competicións e actividades deportivas en seis espazos emblemáticos da cidade para fomentar hábitos saudables e achegar o deporte á cidadanía
Bustos pide que Lugo non perda unha proposta chamada a converterse nun referente deportivo e de dinamización social durante o período estival
O concelleiro socialista Jorge Bustos instou hoxe ao Goberno municipal de Elena Candia a recuperar e desenvolver o programa “Días do Deporte na Rúa”, unha iniciativa promovida durante a súa etapa á fronte da área de Deportes e que quedou plenamente definida e dotada economicamente nos orzamentos municipais aprobados polo anterior Executivo.
- O exconcelleiro de Deportes lembra que o programa quedou completamente definido e cunha reserva orzamentaria de 30.000 euros aprobada polo anterior Goberno municipal
- A iniciativa prevía competicións e actividades deportivas en seis espazos emblemáticos da cidade para fomentar hábitos saudables e achegar o deporte á cidadanía
- Bustos pide que Lugo non perda unha proposta chamada a converterse nun referente deportivo e de dinamización social durante o período estival
Bustos lembrou que o proxecto contaba cunha reserva orzamentaria específica de 30.000 euros e nacía coa vocación de converter diferentes espazos da cidade nun gran escenario deportivo ao aire libre, promovendo a práctica física, a convivencia e os hábitos de vida saudables entre persoas de todas as idades.
“O deporte é unha das ferramentas máis eficaces para construír unha cidade máis saudable, máis cohesionada e con máis oportunidades para a infancia e a mocidade. Por iso agardamos que esta iniciativa non quede esquecida nun caixón e poida ver a luz tal e como foi concibida”, sinalou.
O programa deseñado polo anterior Goberno municipal contemplaba a celebración dun gran evento deportivo durante tres xornadas, entre os días 27 e 29 de xuño, distribuído por distintos puntos da cidade. Entre as actividades previstas figuraban torneos de baloncesto 3×3 no Pazo dos Deportes, competicións de voleibol 3×3 no Pavillón Municipal e un campionato de minibútbol 3×3 na Praza de Santa María.
Ademais, a proposta incluía zonas de prácticas deportivas na Praza do Ferrol, na Horta do Seminario e na Praza do Campo Castelo, así como unha área de xogos inchables destinada ao público infantil, configurando unha programación pensada para implicar a toda a familia e achegar o deporte aos espazos públicos da cidade.
Segundo explicou Bustos, o obxectivo era extender a práctica deportiva e sacar o deporte das instalacións convencionais para convertelo nun elemento visible da vida urbana. “Queriamos que Lugo respirase deporte durante varios días, levando actividades a lugares emblemáticos e facilitando que calquera persoa puidese participar independentemente da súa idade ou condición física”, indicou.
O edil socialista considera que esta proposta encaixa perfectamente coa necesidade de seguir promovendo hábitos saudables, especialmente entre os máis novos, e contribuír a fortalecer o tecido deportivo local mediante a colaboración cos clubs, entidades e practicantes das diferentes disciplinas.
“Non estamos falando dunha ocorrencia puntual, senón dun proxecto traballado, planificado e financiado. O Goberno actual ten a oportunidade de aproveitalo e demostrar que é capaz de dar continuidade ás boas iniciativas para a cidade. Cando unha proposta é boa para Lugo, o importante non é quen a impulsou, senón que se leve a cabo”, afirmou.
Finalmente, Bustos reclamou ao Executivo local unha maior ambición en materia deportiva e unha aposta máis decidida pola promoción da actividade física nos barrios e nos espazos públicos. “Lugo conta cun enorme potencial deportivo e cun tecido asociativo exemplar. O Concello debe estar á altura dese esforzo, promovendo máis actividades, máis participación e máis oportunidades para que o deporte forme parte da vida diaria da cidadanía”, concluíu.

