A I Feira do Viño Rosado de Galicia pechou a súa primeira edición cunha masiva afluencia de público, consolidándose como unha das grandes novidades da 53ª Festa da Rosa de Mos. Durante toda a fin de semana, a carpa instalada no Pazo de Mos rexistrou unha notable afluencia de visitantes, que puideron coñecer e degustar os viños rosados elaborados por adegas das denominacións de orixe Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras, convertendo a cita nun punto de encontro para profesionais do sector, adegueiros e público xeral.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a excelente acollida obtida por esta primeira edición e agradeceu o apoio institucional recibido para facer realidade a iniciativa. “Quero agradecer especialmente o compromiso da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), que apostou desde o primeiro momento por este proxecto. A resposta do público demostra que esta feira ten percorrido e anímanos a seguir traballando para que continúe medrando nos próximos anos ao abeiro da Festa da Rosa”, sinalou.
A rexedora destacou tamén colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a importante implicación da asociación BaRes Mos, xa que os seus establecementos contribuíron a dinamizar a feira e a completar a oferta gastronómica durante toda a fin de semana.
Especial importancia tivo igualmente a Asociación de Mulleres Rurais de Mos, encargada o sábado da tradicional Exaltación da Empanada de Millo, unha das citas máis emblemáticas da Festa da Rosa e que volveu reunir a numerosos asistentes arredor dun dos produtos máis representativos da gastronomía local.
A programación completouse cos Concertos de Viño e Rosas, que animaron as dúas xornadas cunha ampla oferta musical pensada para todos os públicos e idades. As actuacións de Los Lunes al Sol, Dani Barreiro, Uxía Lambona e a Banda Molona, Os Mangacarballos, Trío Somoza, o concerto de punk infantil a cargo de Peter Punk e Brais das Hortas e La Duendeneta contribuíron a crear un ambiente festivo e familiar que acompañou permanentemente a actividade da feira.
Desde o Concello de Mos destacan que a excelente resposta obtida nesta primeira edición confirma o potencial dunha iniciativa chamada a converterse nun novo referente dentro da programación da Festa da Rosa, reforzando a súa dimensión cultural, turística e gastronómica.
Nidia Arévalo concluíu asegurando que “a Feira do Viño Rosado de Galicia naceu para quedar. Esta primeira edición permitiunos comprobar o enorme interese que esperta esta proposta e agora o noso obxectivo é seguir mellorando, ampliar a participación e consolidar Mos como un punto de encontro de referencia para os viños rosados galegos”.

