O Concello de Baiona informa da apertura do prazo para a presentación de solicitudes de ocupación de vía pública con motivo da celebración das Festas Patronais da Anunciada, que terán lugar os próximos días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto de 2026 en Baiona.
As autorizacións están destinadas á instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos e atraccións de feira ambulantes durante os tres días de celebración da festa.
As persoas físicas, xurídicas ou entidades interesadas en obter a correspondente autorización para o aproveitamento do dominio público municipal deberán presentar a súa solicitude, xunto coa declaración responsable e a documentación correspondente entre os días 15 e 30 de xuño de 2026, ambos inclusive.
O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña sinala a importancia de regular e organizar a ocupación do espazo público durante unhas datas de gran afluencia de visitantes e actividade festiva, garantindo así o correcto desenvolvemento das celebracións e a convivencia entre participantes, veciños e visitantes.
Toda a información relativa á documentación requirida e ao procedemento de solicitude poderá descargarse da páxina web municipal e para calquera dúbida poden contactar co Departamento de Festexos no teléfono 986385921, ou en cultura@baiona.gal

