“Resulta imposible elaborar en pouco máis dun mes toda a documentación técnica requirida para unha convocatoria destas características sen contratación previa nin traballo técnico especializado”
“O expediente foi redactado por GAO Arquitectura, empresa contratada polo anterior Goberno, nun proceso no que tamén participaron de forma intensa os servizos técnicos municipais”
“Mentres deixabamos preparado o traballo técnico e institucional para captar fondos estatais de rehabilitación, a Xunta deixou sen executar máis de 800 millóns de euros destinados a este fin”
O exconcelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, reivindicou hoxe o traballo desenvolvido polo anterior Goberno local para facer posible a candidatura de Lugo á nova convocatoria das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), despois das declaracións realizadas polo actual Executivo municipal atribuíndose a elaboración da documentación presentada.
- “Resulta imposible elaborar en pouco máis dun mes toda a documentación técnica requirida para unha convocatoria destas características sen contratación previa nin traballo técnico especializado”
- “O expediente foi redactado por GAO Arquitectura, empresa contratada polo anterior Goberno, nun proceso no que tamén participaron de forma intensa os servizos técnicos municipais”
- “Mentres deixabamos preparado o traballo técnico e institucional para captar fondos estatais de rehabilitación, a Xunta deixou sen executar máis de 800 millóns de euros destinados a este fin”
Para Bustos, as afirmacións realizadas polo Goberno local constitúen “un intento obsceno de apropiarse do traballo alleo” e deixan en evidencia tanto ao responsable da área como ao conxunto do Executivo.
“Pensar que a cidadanía vai crer que toda a documentación técnica esixida para concorrer a unha convocatoria destas características foi elaborada en pouco máis dun mes, sen licitación, sen contratación externa e sen ningún procedemento administrativo previo é simplemente faltar á verdade”, afirmou.
O exresponsable de Urbanismo lembrou que o expediente presentado é o resultado de meses de traballo técnico e administrativo desenvolvidos durante o anterior mandato, cando el mesmo dirixía a área e Miguel Fernández ocupaba a Alcaldía.
“Estamos a falar dun proceso extremadamente complexo que require estudos urbanísticos, análises edificatorias, delimitacións cartográficas, memoria socioeconómica, programación de actuacións, estimacións orzamentarias e abundante documentación técnica. Nada diso se improvisa nin aparece de forma espontánea dun día para outro”, explicou.
Bustos detallou que o material técnico requirido foi elaborado polo estudo GAO Arquitectura, adxudicatario do correspondente contrato promovido polo anterior Goberno municipal, nun traballo que definiu como “minucioso, rigoroso e coral”, no que tamén participaron activamente distintos servizos técnicos municipais, como arquitectura, para adaptalo a convocatoria actual.
“O documento que hoxe presenta o Goberno local é o resultado dun contrato impulsado polo anterior Executivo e do esforzo coordinado de profesionais externos e empregados públicos municipais. Pretender apropiarse agora dese traballo é unha falta de respecto tanto aos autores do proxecto como aos técnicos que participaron na súa elaboración”, asegurou.
Ademais, explicou que o anterior Goberno xa deixara encamiñada a interlocución institucional necesaria para defender a candidatura de Lugo ante as administracións competentes. Neste sentido, lembrou que estaban previstas varias reunións de traballo con responsables do Ministerio de Vivenda, entre elas un encontro co secretario de Estado, para abordar o desenvolvemento desta convocatoria e as possibilidades de financiamento para a cidade, e que ian dar continuidad as mantidas polo entonces alcalde Miguel Fernández e Hipólito Pérez como Director Xeral de Urbanismo.
“O noso Goberno non só deixou preparado o expediente técnico. Tamén deixou avanzado o traballo político e institucional necesario para garantir que Lugo estivese en condicións de competir polos fondos de rehabilitación”, sinalou.
Bustos lembrou que estes programas están financiados polo Estado, aínda que a súa distribución e xestión se canaliza a través das comunidades autónomas, e aproveitou para denunciar a actuación da Xunta de Galicia na anterior convocatoria.
“Resulta incomprensible que a Xunta deixase sen executar máis de 800 millóns de euros destinados á rehabilitación e que nin sequera chegase a convocar unha segunda fase dos programas coñecidos daquela como ERRP. Estamos a falar dunha oportunidade histórica perdida para milleiros de familias e para numerosos concellos galegos”, afirmou.
Para concluír, o exconcelleiro asegurou que “o importante é que Lugo poida beneficiarse destes recursos”, pero advertiu que “a xestión pública tamén esixe honestidade e rigor”.
“Os proxectos teñen unha tramitación, os expedientes teñen autores e o traballo técnico merece respecto. O que non pode facer un Goberno é atoparse unha candidatura practicamente rematada, presentada grazas ao traballo do mandato anterior, e intentar vendela como un logro propio. Iso non é xestión; é propaganda”, concluíu.

