Mos reunirá a máis de 420 palilleiras, nove novos deseñadores e unha exposición dedicada a Luís Seoane

Redacción

O Pazo de Mos converterase os días 20 e 21 de xuño nun gran escaparate da tradición artesanal, da moda emerxente e da cultura galega coa celebración da XVIII Xuntanza de Palilleiras e Labores e da VI edición de DesfilaMos, dúas citas xa consolidadas dentro da programación cultural do municipio.

A Asociación de Palilleiras de Mos ultiman os preparativos para unha fin de semana na que o encaixe, o deseño e a participación cidadá serán os grandes protagonistas. A programación complétase ademais coa exposición “Luís Seoane”, unha mostra de Ana Rosa Lista que achega ao público a figura e o legado dun dos grandes referentes da arte galega do século XX, establecendo unha ponte entre creación artística e artesanía tradicional. 

A actividade arrincará o sábado 20 de xuño ás 21.30 horas no Pazo de Mos coa celebración de DesfilaMos, o concurso de novos deseñadores, que alcanza este ano a súa sexta edición. A gala estará aberta pola Rondalla de Guizán e contará coa participación de nove concursantes procedentes de distintos puntos de Galicia, aos que se sumarán deseñadores e firmas convidadas de carácter internacional.

Durante a noite presentaránse coleccións chegadas desde diferentes territorios galegos e tamén propostas procedentes de países como Portugal, Polonia, Bulgaria, Arxentina e Eslovaquia, reforzando a dimensión internacional dun evento que busca tender pontes entre a tradición do encaixe e as novas tendencias da moda.

O público asistente terá un papel protagonista ao decidir o Premio do Público, un dos recoñecementos máis agardados da cita. Ademais, entregarase un galardón especial concedido por un grupo de creadoras de contido e prescriptoras dixitais convidadas pola organización, que distinguirán a colección ou firma que máis destaque pola súa creatividade e innovación.

DesfilaMos manterá tamén o seu carácter solidario mediante unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros destinada á entidade MosAxuda, promovendo así a participación social e a colaboración veciñal. 

A programación continuará o domingo 21 de xuño coa celebración da XVIII Xuntanza de Palilleiras e Labores de Mos, unha cita que volverá converter o municipio nun dos principais puntos de encontro do encaixe tradicional en Galicia.

A organización prevé a participación de arredor de 420 palilleiras, unha cifra que confirma a capacidade de convocatoria dun encontro que reúne cada ano artesás procedentes de numerosos puntos do país.

A partir das cinco da tarde celebrarase a gran final de DesfilaMos, na que desfilarán novamente as coleccións seleccionadas. Será entón cando o xurado faga públicos os principais galardóns do certame, incluído o Premio Especial das Palilleiras, ademais dos tres finalistas e dos gañadores absolutos desta edición.

A xornada servirá tamén para render homenaxe á palilleira de maior idade da asociación, nun recoñecemento ao labor desenvolvido durante décadas por quen contribuíron á conservación e transmisión desta tradición artesanal. Así mesmo, entregaranse os correspondentes agasallos ás participantes e profesoras antes da tradicional fotografía de familia que porá o broche final ao encontro.

Con esta dobre cita, Mos reforza a súa aposta pola promoción da artesanía, da cultura e do talento creativo, convertendo o Pazo de Mos nun espazo de encontro entre tradición e innovación, entre o patrimonio material e as novas expresións do deseño contemporáneo.

Comparte este artigo