Baiona Diversa: Memoria, Voz e Rúa

Redacción

O Concello de Baiona, a través da Concellaría de Igualdade impulsa durante este mes de xuño o proxecto “Baiona Diversa: Memoria, Voz e Rúa”, unha programación especial que busca visibilizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero a través de actividades culturais, educativas e comunitarias abertas á cidadanía.

A programación arrinca co Obradoiro de Memoria Queer no Val Miñor “Aquí tamén pasou”, unha proposta centrada en recuperar a memoria LGBTIQA+ do territorio e dar voz a historias que durante moito tempo permaneceron invisibilizadas.

O taller desenvolverase o 17 de xuño no IES Primeiro de Marzo, o 18 de xuño no CPI Covaterreña e rematará o 19 de xuño ás 12.00 horas no Centro Sociocomunitario de Baiona, nunha sesión aberta a toda a veciñanza, para a que se anima especialmente á participación da cidadanía.
O 20 de xuño celebrarase un podcast en directo polas rúas, esta actividade fará un percorrido por Sabarís de 10:00h a 14:00h e en Baiona de 16:00h a 20:00h, levando o diálogo ao redor da diversidade ao espazo público.

Entre os días 24 e 26 de xuño desenvolverase a Maratón Fotográfica “Orgullo no Foco”, unha iniciativa aberta á participación cidadá que pretende promover a creatividade e a sensibilización social a través de imaxes relacionadas coa igualdade, o respecto e a diversidade.

Como peche da programación, o 27 de xuño ás 11:30h na Praza de Abastos celebrarase a conversación aberta “Construír Orgullo”, seguida ás 13:00h da entrega de premios e inauguración da exposición colectiva da maratón fotográfica.
Desde a organización lembran que o Orgullo segue sendo un espazo de reivindicación, memoria e defensa dos dereitos, apostando por construír unha sociedade máis libre, diversa e respectuosa para todas as persoas.

Baiona súmase este ano a celebrar o orgullo desde a memoria, a cultura e a participación colectiva.

Comparte este artigo