Ana González Abelleira acusa á Xunta de “deixar campar os xabarís ás súas anchas por Lugo” e denuncia unha “deixación de funcións flagrante”

Redacción

A voceira adxunta dencucia danos ocasionados esta semana no sistema de rega recentemente instalado no corredor verde da Avenida de Madrid, aos que se suman os cuantiosos desperfectos rexistrados esta mesma madrugada no Parque Rosalía de Castro.

A portavoz socialista alerta dos danos causados en instalacións municipais e reclama ao Goberno de Candia que deixe de actuar como complice da Xunta e ocultar o problema á cidadanía.

“Tan grave como a deixación de funcións da Xunta é o silencio do Goberno municipal. Non entendemos que Candia non levante a voz mentres os danos se acumulan, os xabarís percorren a cidade con total impunidade e a preocupación veciñal medra”, sinalou.

A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, acusou hoxe á Xunta de Galicia de manter unha “deixación de funcións manifesta e flagrante” na xestión da fauna salvaxe e de permitir que os xabarís “campen ás súas anchas por Lugo sen que se adopten medidas eficaces para controlar unha situación que cada vez resulta máis preocupante”.

A edil socialista denunciou que só ao longo desta semana e nas últimas horas os xabarís provocaron danos por miles de euros en instalacións municipais. Entre eles, os estragos ocasionados no sistema de rega recentemente instalado no corredor verde da Avenida de Madrid, aos que se suman os desperfectos rexistrados esta mesma madrugada no Parque Rosalía de Castro.

González Abelleira puxo o foco na responsabilidade do Goberno local de Elena Candia, ao que acusou de manter unha actitude “cómplice e submisa” ante a inacción da Consellería de Medio Rural.

“Tan grave como a deixación de funcións da Xunta é o silencio do Goberno municipal. Non entendemos que Candia non levante a voz mentres os danos se acumulan, os xabarís percorren a cidade con total impunidade e a preocupación veciñal medra cada día. O seu deber é defender os intereses dos lucenses e esixir solucións inmediatas á administración competente, non actuar como unha simple delegación do Goberno autonómico”, afirmou.

A portavoz socialista reclamou ademais que o Executivo local informe con transparencia á cidadanía sobre a dimensión real desta problemática e sobre os danos que está a ocasionar nas instalacións municipais. “O peor que se pode facer é ocultar a realidade e intentar normalizar unha situación que xa é insostible. Lugo merece un Goberno que reclame respostas e non que xustifique a pasividade da Xunta”, concluíu.

“Estamos a falar de infraestruturas públicas pagadas por todos os lucenses que están sendo danadas de forma reiterada ante a absoluta pasividade da Xunta. O problema xa non é puntual, senón estrutural, e require actuacións urxentes”, afirmou.

González Abelleira lembrou que anterior Goberno lcoal xa solicitou formalmente en novembro de 2025 a adopción de medidas para facer fronte á proliferación dos xabarís no municipio. “Ata o día de hoxe non se fixo absolutamente nada. A mellor proba é que estes animais pasean con total normalidade por distintos puntos da cidade, incluído o centro histórico, sen que a administración competente adopte medidas eficaces”, criticou.

A portavoz socialista advertiu ademais de que a cuestión transcende os danos materiais e afecta directamente á seguridade cidadá. “O xabaril é unha das principais causas de falecementos indirectos nas estradas galegas debido aos accidentes de tráfico nos que se ve implicado. Estamos diante dun risco real para as persoas e non dun problema menor que poida seguir sendo ignorado”, sinalou.

Neste sentido, reclamou á Xunta “un reforzo urxente” das actuacións de control da poboación de xabarís, así como unha maior implicación na loita contra outras ameazas ambientais como a vespa velutina.“O descoido sobre estes problemas ten consecuencias directas na nosa economía, na nosa imaxe e, por riba de todo, na nosa seguridade. A Xunta non pode seguir mirando para outro lado mentres os danos se multiplican e a preocupación veciñal aumenta”, afirmou.

Comparte este artigo